Pasar al contenido principal

ADE achega a profesionais a formación do grao en Empresa e Tecnoloxía coa creación dun grupo semipresencial

Alumnado nunha aula da USC. Foto: Santi Alvite
Alumnado nunha aula da USC. Foto: Santi Alvite
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC ofertará o próximo curso 10 das 45 prazas de novo ingreso en modalidade docente máis flexible
Lugo

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC achega ao colectivo de profesionais a formación do grao en Empresa e Tecnoloxía coa habilitación dun grupo de docencia semipresencial a partir do curso 2021-2022. Con esta medida, que xa estaba contemplada no calendario de implantación deste grao de nova creación, pretendemos ofrecer a posibilidade de ampliar e mellorar a formación en cuestións tecnolóxicas ou en competencias dixitais, entre outras, a traballadores e profesionais en activo que estean interesados en acadar estes coñecementos, sinalou Roberto Bande.

Outro dos cometidos desta sección de semipresencialidade desde o primeiro curso do grao en Empresa e Tecnoloxía, explicou o decano ADE, afecta á diversificación do perfil do alumnado dun título universitario que gozou de moi boa acollida na seu primeiro ano de implantación e que aspira a manter unha conexión estreita co mercado laboral e tamén coa actividade empresarial e a realidade social.

Roberto Bande adiantou neste senso que o grao en Empresa e Tecnoloxía ofertará o próximo exercicio 2021-2022 un total de 45 prazas de novo ingreso en primeiro curso, das que 10 estarán adscritas a un grupo de semipresencialidade, que “non de formación en liña”, precisou, pois “o alumnado ten que seguir e participar nas clases, ben na aula ou ben a través de sesións en streaming”.

Á espera de avanzar nas próximas semanas na definición do deseño do regulamento polo que se rexerá esta actividade formativa de carácter semipresencial, cuxo desenvolvemento está a ser consensuado entre todos os centros do Campus de Lugo, así como do pertinente calendario de exames, Bande esquivou calquera polémica sobre a obrigatoriedade da presencialidade nas probas de avaliación ao afirmar que “traballar cun grupo tan reducido de estudantes, os docentes poden facer un seguimento moi personalizado de cada un deles”.

Convivencia de dous títulos

O decano da Facultade de ADE do Campus de Lugo destacou a boa acollida que teñen entre o alumnado os dous títulos de grao impartidos no centro: Administración e Dirección de Empresas e Empresa e Tecnoloxía. Trátase de dúas titulacións moi diferentes entre si, xa que mentres a primeira afonda en cuestións ligadas ás ciencias empresariais e á actividade e xestión das empresas, a segunda presenta un elevado compoñente tecnolóxico e de programación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2021.