Pasar al contenido principal

A Orquestra Sinfónica da USC clausura o proxecto ‘Música en Camiño’

No concerto, de entrada libre, a Orquestra da USC interpretará catro pezas inspiradas no Camiño de Santiago. Imaxe de arquivo
No concerto, de entrada libre, a Orquestra da USC interpretará catro pezas inspiradas no Camiño de Santiago. Imaxe de arquivo
A Igrexa de San Francisco acollerá este domingo 27, ás 18.00 horas, a interpretación de catro obras compostas en exclusiva e inspiradas no Camiño de Santiago
Santiago de Compostela

O proxecto ‘Música en Camiño’, impulsado pola Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, botará o peche este domingo 27 de outubro, na Igrexa de San Francisco, a partir das 18.00 horas, cun concerto da Orquestra Sinfónica da USC, baixo a dirección de Mario Diz.

No concerto, de entrada libre, a Orquestra da USC interpretará as pezas Abertura, de Ana Francisca da Silva; E vai xurdindo da noite a cibdá viva, de Nádia Carvalho; Sanctus Iacobus «Dum Pater Familias», de Ismael Amoedo; e Zoom Point, de Daniel Moreira e arranxos de Nádia Carvalho e Tania Pinho. O programa complétase coa Sinfonía nº8 de Schubert e a Obertura Egmont de Beethoven.

O proxecto ‘Música en Camiño’ permitiu a composición destas catro obras exclusivas para o proxecto, inspiradas no Camiño de Santiago, a cargo de xoves compositores galegos e portugueses das universidades de Porto, Minho e do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A preparación e interpretación desas pezas foi levada a cabo pola Orquestra Sinfónica da USC nunha xira de concertos que percorreu o Camiño Portugués, a través de escenarios como a Catedral de Tui, ou a a Basílica de Santa María de Pontevedra.

Esta iniciativa na que tamén se contou cunha masterclass da man do recoñecido compositor e músico portugués Cándido Lima, foi financiada pola Xunta de Galicia a través do plan ‘O teu Xacobeo’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.