Pasar al contenido principal

A Estación Científica do Courel celebra unha xornada de iniciación á micoloxía

Cartaz co programa da xornada de inciación á micoloxía na Estación Científica do Courel
Cartaz co programa da xornada de inciación á micoloxía na Estación Científica do Courel
A vicerreitora Montserrat Valcárcel inaugurará ás 9.30 horas unha xornada, que terá continuidade en quenda de tarde cunha saída guiada aos montes da serra courelá
Lugo

A Estación Científica do Courel da USC celebra este sábado 26 de outubro a VII Xornada de Iniciación á Micoloxía, unha actividade de carácter divulgativo que contempla relatorios e unha saída ao monte para recoller cogomelos e para a que formalizaron a súa inscrición preto de 80 persoas.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidirá a sesión de apertura deste foro micolóxico ás 9.30 horas, no marco dunha sesión de benvida a público participantes na que tamén intervirá o director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, e representantes políticos do Concello de Folgoso do Courel e da Deputación Provincial de Lugo.

O programa desta xornada sobre cogomelos comestibles e velenosos comezará cun relatorio de achegamento ao mundo da micoloxía a cargo de Juan Luis Fernández Lorenzo, profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo.

As características das principais especies comestibles centrará a intervención do catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro. De seguido, o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, quen tamén é doutor en Veterinaria, pechará o programa matinal cun relatorio sobre especies tóxicas e casos de intoxicación por cogomelos.

Xa en quenda de tarde, unha saída ao monte para identificar e recoller cogomelos baixo a guía do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, e na que tamén participarán os demais profesores do curso, servirá de colofón desta xornada de iniciación á micoloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2021.