Pasar al contenido principal

Ciencias optimiza os seus espazos docentes e a súa dotación tecnolóxica

De esquerda a dereita, Asteria Luzardo, Antonio López, Francisco José Fraga, Montserrat Valcárcel e Javier Ferreira, nunha das aulas novas habilitadas en Ciencias
De esquerda a dereita, Asteria Luzardo, Antonio López, Francisco José Fraga, Montserrat Valcárcel e Javier Ferreira, nunha das aulas novas habilitadas en Ciencias
O reitor Antonio López salienta que esta actuación proba o compromiso do goberno da USC co Campus de Lugo e reforza o rol do centro no ámbito da Bioquímica
Lugo

A Facultade de Ciencias reforza a súa infraestrutura coa remodelación e optimización do espazo docente no que dará cabida ao alumnado de Bioquímica, titulación implantada este curso con elevado grao de demanda. O paquete de actuacións acometidas no centro lugués vén reforzar o seu rol no conxunto da oferta docente do Campus de Lugo, atento “ás novas demandas sociais, coa implantación de titulacións como a de Bioquímica, un eido de gran proxección futura”, sinalou o reitor Antonio López na visita realizada a este centro.

Coa última actuación realizada, a Facultade contará con novos espazos e o seu correspondente equipamento informático e tecnolóxico ao longo de catro novas aulas coas que se atenderán as necesidades do alumnado do grao en Bioquímica. O reitor salientou que esta importante actuación de mellora e ampliación de infraestruturas dá proba do fondo compromiso do goberno da USC coa sede universitaria luguesa, ao tempo que contribúe a reforzar o cometido docente e de I+D que está a desenvolver a Facultade de Ciencias, ao tempo que impulsa e consolida a este centro universitario nun eido de futuro como é o da Bioquímica.

Acompañado do xerente da USC, Javier Ferreira, e da vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, Antonio López destacou a celeridade das obras e o carácter ambicioso da actuación. “A previsión inicial era habilitar unha aula para o alumnado de primeiro curso, pero ao final, logo dunha importante inversión, puidemos acondicionar catro novos espazos docentes, cada un deles con capacidade para 80 alumnos”. A posta en marcha destas novas dotacións, engadiu o reitor, permiten asemade recuperar para o uso unhas instalacións que antano acubillaron laboratorios de investigación pero que na actualidade, logo do traslado deste equipamento científico ao novo edificio que centraliza os servizos de I+D, estaban pouco aproveitadas.

O decano da Facultade de Ciencias, Francisco José Fraga López, indicou que as novas aulas, coas que a USC soluciona as necesidades de espazos e instalacións derivadas da implantación do título de grao en Bioquímica, redundarán en beneficio do alumnado e da propia actividade docente e de I+D. Fraga  comentou asemade que, na actual conxuntura sociosanitaria derivada da pandemia causada pola COVID-19, a disposición destes espazos permitirá á Facultade de Ciencias incrementar a docencia presencial entre o alumnado do título de grao en Nutrición Humana e Dietética que este curso estaba a recibir formación en liña.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.02.2021.