Pasar al contenido principal

Física impulsa unhas xornadas de orientación laboral co Big Data e a Intelixencia Artificial como protagonistas

Nas seguintes sesións abordaranse as oportunidades laborais noutros sectores como a información cuántica, a física médica ou a enerxía, entre outros. FOTO: Santi Alvite
Nas seguintes sesións abordaranse as oportunidades laborais noutros sectores como a información cuántica, a física médica ou a enerxía, entre outros. FOTO: Santi Alvite
A segunda sesión desenvolverase en liña o vindeiro 5 de marzo a partir das 19.00 horas
Santiago de Compostela

Álvaro Dosil de TripleAlpha e Javier Díaz de Inditex serán os relatores da segunda das xornadas sobre orientación laboral que está a impulsar a Facultade de Física da USC. A sesión desenvolverase en liña a través de Teams o vindeiro 5 de marzo, a partir das 19.00 horas, e súmase á que xa tivo lugar o pasado venres baixo o lema ‘A Física no mundo do Big Data e a Intelixencia Artificial’.

Ao longo de dúas horas e media, os profesionais da empresa SDG Group, Antonio Torrado e David Díaz, explicaron ao alumnado de grao, mestrado e doutoramento as moitas posibilidades que ofrece este sector en continuo crecemento para un titulado en Física. Ademais afondouse nas oportunidades que están a xurdir para os físicos e físicas neste campo e tamén no da información cuántica. Nas súas intervencións, os relatores destacaron as capacidades e competencias que adquire o alumnado destas titulacións podendo abordar con éxito problemas de distinta natureza, alleos ou non á física. No acto virtual tomaron parte 150 estudantes de grao, mestrado e doutoramento.

Antonio Torrado é socio-director da área de Big Data & Advanced Analytics de SDG Group. Conta con máis de 20 años de experiencia no sector da análise e xestión de datos a gran escala. Cursou o primeiro ciclo da Licenciatura en Física na USC e o segundo na Universidade Complutense de Madrid, especializándose en Estado Sólido e Electrónica.

David Díaz, pola súa banda, traballa como científico de datos no equipo de Big Data & Advanced Analytics que lidera Antonio Torrado. Físico pola Universidade Autónoma de Madrid, dedícase ao desenvolvemento de algoritmos, dende os máis tradicionais, ata algoritmos baseados en Deep Learning.

Nas seguintes sesións abordaranse as oportunidades laborais noutros sectores como a información cuántica, a física médica ou a enerxía, entre outros, alén da propia carreira académica, de acordo coas suxestións recibidas por parte do alumnado da Facultade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.02.2021.