Woman Emprende ofrece asesoramento e orientación aos proxectos financiados por Emega 2019

O programa Woman Emprende da USC presentou este luns 28 os detalles do programa de información, asesoramento e orientación que presta dentro do programa Emega 2019, iniciativa para o fomento do emprendemento feminino en Galicia da Secretaría Xeral de Igualdade. O lanzamento da edición 2019 deste programa celebrouse nun acto no Salón de Actos da Escola Galega de Administracións Públicas coa participación do reitor Antonio López; do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e da directora de Woman Emprende, Eva López Barrio.
O programa Emega contempla unha axuda económica e, por parte da USC, un servizo gratuíto de información, asesoramento e orientación. A esta xuntanza estaban convocadas todas as mulleres beneficiarias da axudas do programa. Na xornada, Eva López explicoulles as características da convocatoria e presentoulles os detalles do programa de acompañamento e titorización que presta a USC. Neste senso aludiu ao proceso de presentación da documentación e á acción formativa específica co lema ‘As mulleres que crean empresas’.
Como lembrou a súa directora, Woman Emprende é un programa de apoio ás mulleres que son emprendedoras que conta con máis de dez anos de experiencia no desenvolvemento de iniciativas para a incorporación da perspectiva de xénero en distintos ámbitos e, de xeito máis específico, no emprendemento universitario en feminino.
A continuación celebrouse unha mesa de debate co lema ‘Mulleres, socialización diferenciadas e repercusión no emprendemento’.
A xornada celebrouse no Escola Galega de Administracións Públicas. Foto: Santi Alvite