Pasar al contenido principal

Módulo de orientación para o fomento do emprego entre alumnado e titulados da Facultade de ADE

Cartaz do módulo formativo de orientación para o emprego
Cartaz do módulo formativo de orientación para o emprego
As oito sesións programadas no curso desenvolveranse en liña e tamén de xeito presencial no centro universitario lugués do 15 ao 26 de marzo
Lugo

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC acollerá do 16 ao 25 de marzo un módulo de orientación para o fomento da empregabilidade, un programa de formación promovido pola Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, dependente da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos, que está estruturado en oito sesións, que tamén poderán seguirse en liña, ademais dunha parte de carácter práctico.

O programa formativo deste módulo traballa distintas competencias persoais e profesionais que se consideran transversais no proceso de busca de emprego,  o que supón un reforzo á formación formal que se ofrece dende a USC ao estudantado. Daquela, un dos cometidos desta acción é o de servir de axuda ás persoas participantes para que poidan desenvolver o seu talento, ademais de proporcionarlles a posibilidade de adquirir coñecementos e habilidades acaídos para a súa empregabilidade no mercado laboral.

A planificación e a realización de actividades que fomenten a empregabilidade e a busca activa de emprego coa finalidade de mellorar as opcións de ocupación e o proceso de integración laboral dos/as estudantes universitarios/as, son outros dos obxectivos deste módulo de formación específica orientado a favorecer o tránsito do sistema educativo á vida laboral.

O estudantado de grao da USC que complete as 25 horas de formación, 19 teóricas e 6 prácticas, poderá solicitar o recoñecemento dun crédito ECTS. O prezo da inscrición é de 10 euros e o prazo de matrícula xa está aberto na web.

 

Programa do curso
Programa do curso
Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.02.2021.