Pasar al contenido principal

Resolta a fase galega da XII Olimpíada de Xeoloxía

As probas nas que participaron un total de 160 alumnos e alumnas desenvolvéronse de xeito telemático
Santiago de Compostela

Máis de 150 estudantes de Secundaria e Bacharelato de 23 centros de toda Galicia tomaron parte este mércores na XII Olimpíada de Xeoloxía. As probas celebráronse de xeito telemático nas sedes de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo, contando coa colaboración das tres universidades. 

Nesta edición resultou gañadora na sede de Santiago, Cristina Troiteiro Nouche, que cursa 2º de Bacharelato no IES Rosalía de Castro de Compostela. O segundo posto correspondeu a Laura Pego Sampedro, alumna de 2º de Bacharelato do IES de Porto do Son; e o terceiro foi ocupado por Álvaro Pallas Otero, de 2º Bacharelato do IES Rosalía de Castro. O accésit reservado para o alumnado de 4º ESO, foi para Manuel Pereiro Conde, do CPI A Picota, de Mazaricos. Na categoría de equipos foi seleccionado o grupo formado polo alumnado do IES Porto do Son.

Os gañadores desta fase galega participarán na fase española que se celebrará o día 17 de abril en Cuenca, convocada polo Colegio de Geólogos, a Sociedad Geológica Española e a AEPECT (Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra). De aí sairá a selección que competirá na fase internacional que se celebrara a finais do verán. No Campus de Santiago, contouse co apoio da Delegación do Reitor para o ensino secundario e da Facultade de Bioloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2021.