Pasar al contenido principal

Últimas semanas para participar no concurso de vídeo ‘Móvete’, conmemorativo do 50 aniversario do ILG

Cartel do certame
Cartel do certame
Este certame, cuxo prazo de presentación permanece aberto ata o 31 de maio, está dirixido ao alumnado dos institutos de Galicia e das zonas de fala galega fóra da Comunidade
Santiago de Compostela

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) conmemora este 2021 o seu 50 aniversario. Co gallo desta celebración pon en marcha, entre outras actividades, o concurso de vídeo Móvete, destinado ao alumnado dos institutos de Galicia e das zonas de fala galega fóra de Galicia. O obxectivo deste concurso é, en primeiro lugar, incentivar o uso do galego e, tamén, dar a coñecer o ILG entre a xente nova. O prazo para participar permanece aberto ata o 31 de maio de 2021.

O concurso está dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º ou 2º de Bacharelato e pódese participar en dúas modalidades, individual e en grupo. Neste último caso, deberá facerse baixo a dirección ou o asesoramento dun ou dunha docente, que será a persoa de contacto e responsable do proxecto. Os vídeos que se presenten a Móvete deberán ser inéditos e orixinais e non poderán superar os dous minutos de duración nin os 300 MB de tamaño. Os temas que se propoñen para a creación de pezas audiovisuais son ‘Móvete co galego’, ‘Conmóvete co galego’ e ‘Promove o galego’.

Proceso de selección e premios

O xurado elixirá un máximo de tres persoas e tres grupos finalistas por tema, valorando a calidade e orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas empregadas. De entre as tres propostas finalistas, o xurado escollerá unha persoa gañadora por cada un dos temas, tanto na modalidade individual coma na de grupo. Se as circunstancias o permiten, celebrarase un acto de entrega de premios onde se proxectarán os vídeos finalistas e se darán a coñecer os gañadores.

O premio para o mellor vídeo individual de cada tema consistirá nun teléfono móbil iPhone. O premio para o mellor vídeo en grupo de cada tema será unha videocámara. Os restantes finalistas recibirán un smartwatch (modalidade individual) e un lote de libros (modalidade de grupo). Ademais, os vídeos difundiranse a través das contas de Instagram e Twitter do ILG e a través da súa canle de YouTube, e a peza que obteña unha maior puntuación de acordo coas interaccións a que dea lugar ao longo de todo o concurso recibirá como premio unha tableta. No certame, colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a cadea de supermercados Gadis.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.04.2021.