Pasar al contenido principal

Mexillón de río, bioindicador da calidade do ecosistema fluvial

Unha investigadora do grupo CoPeMol observa a colleita de xuvenís de mexillóns deste ano
Unha investigadora do grupo CoPeMol observa a colleita de xuvenís de mexillóns deste ano
O grupo de Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da Facultade de Veterinaria da USC estuda a relación parasitaria do molusco bivalvo de auga doce ‘Margaritifera margaritifera’ con troitas e salmóns e avalía a súa eficiencia como hospedadores no marco do proxecto MargaSalmo, que conta con financiamento da Fundación Biodiversidade
Lugo, Santiago de Compostela

O grupo de investigación Conservación de Peixes e Moluscos (CoPeMol) da Facultade de Veterinaria da USC afonda no estudo da relación parasitaria do mexillón de río (Margaritifera margaritifera) con troitas e salmóns, ao tempo que avalía a eficacia destes peixes como hospedadores no marco do proxecto proxecto MargaSalmo, unha actuación que se prolongará durante o bienio 2021-2022 e que conta con financiamento da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Margaritifera margaritifera é un molusco bivalvo de auga doce que se atopa en perigo de extinción. É considerada unha especie clave e bioindicadora da calidade do ecosistema fluvial e que presenta en Galicia o maior número de poboacións de toda a Península Ibérica. O seu ciclo vital caracterízase pola presenza dunha fase larvaria  parasita das branquias do salmón atlántico (Salmo salar) e da troita común (Salmo  trutta), que como hospedadores actúan de vehículo de dispersión da náiade nos ríos. Este particular ciclo implica aos peixes como factor indispensable para o desenvolvemento de calquera estratexia de conservación, segundo explica profesora do Departamento de  Zooloxía,  Xenética e  Antropoloxía Física da USC e coordinadora do grupo CoPeMol, Paz  Ondina.

O proxecto MargaSalmo ten como meta afondar no coñecemento desta particular relación parasito/hospedador ademais de abordar aspectos das poboacións ibéricas aínda descoñecidos. Entre os principais obxectivos atópanse avaliar a eficacia de ambas as especies como hospedadoras, identificar se existen diferenzas de afinidade das poboacións da  náiade por unha ou outra especie en relación á conca de orixe,  testar o éxito do ciclo no medio natural e analizar o efecto da  parasitación artificial sobre o benestar do peixe, relata a investigadora.

Os resultados que se obteñan serán aplicables tanto no desenvolvemento do plan de conservación da náiade como na xestión do ecosistema fluvial. O traballo desenvolvido permitirá obter información sobre as consecuencias que, directa ou indirectamente, derivan do cambio global e da fragmentación do ecosistema fluvial sobre as especies implicadas.

O cambio climático altera as condicións ecolóxicas de  salmónidos e náiades, afectando ademais os patróns migratorios dos hospedadores, ao tempo que os obstáculos de orixe  antrópico rompen a continuidade fluvial, impedindo o seu movemento e o acceso aos treitos nos que se atopan os mexillóns, sinala Ondina. Esta situacións actúan en detrimento da viabilidade do ciclo da náiade, ao limitar o contacto das súas poboacións a unha das dúas especies de salmónidos posibles, que pode non tratarse da máis eficiente como hospedadora, e/ou alterar a súa diversidade xenética, ao reducir a súa capacidade de dispersión e provocar o seu illamento.

Outras contribucións

Outras das contribucións do proxecto MargaSalmo afectan á posibilidade de mellorar as técnicas de cultivo a través da experimentación, ademais de a incrementar o stock de xuvenís de M.  margaritifera para a repoboación. Deste xeito poderán asentarse as bases conceptuais e técnicas para ampliar os obxectivos de conservación a outras bacías onde a especie está presente.

MargaSalmo dá así continuidade á estratexia de conservación ex situ iniciada polo grupo de Conservación de Peces e Moluscos da USC, integrada como unha acción do Proxecto  Life MargalUlla e que actualmente é soportada por un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente a través da Dirección  Xeral de Patrimonio Natural. A parte experimental desta actuación de I+D levarase a cabo na estación de cultivo de O Veral, cuxas infraestruturas foron melloradas recentemente con financiamento do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2017-2020.

Esta nova acción investigadora a prol da conservación e da recuperación do mexillón de río constitúe un proxecto multidisciplinar coordinado desde campus Terra da USC polo equipo de CoPeMol, pero no que tamén participan investigadores/as do grupo Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet), especialistas en patoloxía de peixes, e con expertos en química ambiental do grupo Ambiosol. Os membros destes tres equipos de investigación contan cunha longa traxectoria de colaboración integrando a Rede  Náiade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2021.