Pasar al contenido principal

Nace o banco de recursos didácticos para aulas hospitalarias ‘A maleta de emerxencia pedagóxica’

As persoas interesadas contan cun vídeo explicativo que mostra as distintas posibilidades de interacción coa web
As persoas interesadas contan cun vídeo explicativo que mostra as distintas posibilidades de interacción coa web
Esta iniciativa realizouse a través da colaboración entre as materias de Pedagoxía Hospitalaria e Deseño e avaliación de materiais didácticos do último curso de grao en Pedagoxía da USC
Santiago de Compostela

A ‘Maleta de emerxencia pedagóxica’ é un banco de recursos para aulas hospitalarias creado baixo o marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS). Así o definen os seus coordinadores, Yésica Teijeiro Boo, Tania Caamaño Liñares e Jesús Rodríguez Rodríguez.  A través da colaboración entre as materias de Pedagoxía Hospitalaria e Deseño e avaliación de materiais didácticos do último curso de grao en Pedagoxía da USC, neste proxecto tomou parte todo o alumnado seleccionando recursos educativos dirixidos a aulas hospitalarias. O resultado é un banco de recursos que “organiza, clasifica e difunde todo o material tratado”. No seu desenvolvemento tamén colaborou a Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Na actualidade a web conta con recursos organizados por destinatarios (ordenados por idades, atendendo ás franxas comprendidas entre 0-6, 6-12 e 12-16, así como para profesionais e familias), videoxogos e aplicacións, contos e libros, blogues, así como páxinas web ou películas e documentais, entre outros recursos. Ademais do material específico, “a intención deste proxecto é que en futuros cursos académicos a Maleta siga medrando coa implicación do novo alumnado que curse as materias, achegando o seu punto de vista para actualizar e ampliar os contidos deste banco de recursos comunitario”, explican os investigadores.

Algúns dos recursos contan con distintas opcións (como estar dispoñibles en distintos sistemas operativos), ademais de que a localización de material tamén se pode realizar a través da ferramenta de busca utilizando os criterios que nos achegan distintas posibilidades á nosa consulta. As persoas interesadas contan cun vídeo explicativo que mostra as distintas posibilidades de interacción coa web.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.03.2021.