Pasar al contenido principal

A profesora Elena G. Ferreiro acaba de ser nomeada presidenta da xunta directiva do proxecto europeo Strong-2020

Imaxe recente de Elena G. Ferreira
Imaxe recente de Elena G. Ferreira
É un proxecto europeo que estuda a interacción forte e que involucra 44 institucións internacionais cun orzamento de 10 millóns de euros
Santiago de Compostela

A profesora Elena G. Ferreira acaba de ser nomeada presidenta da xunta directiva do proxecto europeo dos estudos sobre a interacción forte Strong-2020, dotado con 10 millóns de euros. O órgano que presidirá a profesora e investigadora do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) encárgase da dirección, coordinación e supervisión do paquete de accións incluído neste proxecto que involucra 44 institucións internacionais.

Integrado no programa Horizonte 2020, o obxectivo de STRONG-2020 é abordar as cuestións abertas dende o punto de vista teórico e experimental sobre a forza nuclear forte, a responsable de manter unidos os protóns e neutróns no interior do núcleo atómico. Este campo de estudo aglutina unha comunidade investigadora de 2.500 persoas de 36 países europeos traballando con colisionadores de partículas que requiren desenvolvementos continuos en detectores, sistemas de adquisición de datos, feixes e brancos, ademais dun marco teórico adecuado para analizar os resultados experimentais.

Dentro dos grupos españois involucrados en STRONG-2020, o IGFAE é un dos centros cun papel destacado. Ademais de Elena G. Ferreiro, o tamén profesor da USC e director do IGFAE Carlos Salgado participa na súa organización a través do Steering Committee, mentres que Néstor Armesto, tamén da Facultade de Física da USC, coordina unha das áreas de traballo, dedicada a estudos de dispersión inelástica profunda (DIS) no LHC e futuros experimentos.

Elena G. Ferreiro, autora de máis de 265 artigos de investigación con máis de 16.000 citas, tamén forma parte do comité directivo da División de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física e colabora con grupos destacados no IPN Orsay (Institut de Physique Nucléaire) e École Polytechnique. No IGFAE, é coordinadora dunha das tres áreas estratéxicas de investigación: “O Modelo Estándar ata os límites”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.12.2019.