Pasar al contenido principal

A USC, entre as doce institucións que se axustan aos novos requisitos do proxecto de Real Decreto no que traballa o Ministerio de Universidades

A análise de cumprimento tanto dos requisitos vixentes como futuros abarca a un total de 81 universidades. FOTO: Santi Alvite
A análise de cumprimento tanto dos requisitos vixentes como futuros abarca a un total de 81 universidades. FOTO: Santi Alvite
A análise do Observatorio do Sistema Universitario identifica unha ducia de institucións españolas, dun total de 81, que posúen os novos requisitos establecidos no proxecto de Real Decreto de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios
Lugo, Santiago de Compostela

A USC forma parte da listaxe de doce universidades españolas que se axustan aos requisitos establecidos no proxecto de Real Decreto de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios, no que traballa o Ministerio de Universidades. A análise de cumprimento tanto dos requisitos vixentes como futuros abarca a un total de 81 universidades, de entre as cales, só unha ducia de institucións públicas se axustan aos elementos requiridos.

O informe do Observatorio do Sistema Universitario titulado ¿A qué puede llamarse universidad? e que acaba de ver a luz, aborda os requisitos relativos á oferta docente, a actividade investigadora, así como sobre o cadro de persoal docente e investigador (PDI) e a súa cualificación.  Ofrecer, como mínimo, dez títulos oficiais de grao; seis de máster universitario; e tres programas oficiais de doutoramento son algúns dos novos requisitos no capítulo de docencia. O conxunto da oferta oficial debe cubrir, como mínimo, tres das cinco ramas de coñecemento e o alumnado de grao debe constituír, como mínimo, o 50% do total do estudantado que cursa estudos oficiais. Asemade, o estudantado de formación permanente (non oficial) non pode superar o dobre do estudantado que cursa estudos oficiais.

No relativo a investigación, os novos requisitos contemplan a necesidade de que as universidades dediquen polo menos un 5% de orzamento a programas propios de investigación; e que presenten anualmente polo menos cinco propostas de proxectos de investigación a convocatorias nacionais e internacionais, polo menos unha das cales debe ser de carácter internacional. Obter a concesión de polo menos cinco proxectos ao cabo de cinco anos; e acumular polo menos seis publicacións científicas en tres anos por cada tres profesores equivalentes a tempo completo son outros dos requisitos en materia de investigación, alén de que polo menos o 60% do conxunto do PDI doutor deba contar cunha ou máis avaliacións positivas da súa actividade investigadora (sexenios).

Finalmente, no apartado destinado a PDI, o proxecto contempla a necesidade de contar polo menos cun PDI a tempo completo por cada 25 estudantes matriculados en ensinanzas oficiais. Asemade, o PDI doutor, computado en tempo completo, debe ser polo menos o 50% en grao e mestrado, e o 100% en doutoramento, alén de que o persoal con contrato laboral temporal non poda exceder o 40% do persoal docente.

Os datos, a partir do cales, se elaborou o informe, proceden, na súa maioría, do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU), a plataforma de recollida, procesamento, análise e difusión de datos do Sistema Universitario Español participada polas comunidades autónomas, as universidades e o Ministerio. Os datos sobre a actividade investigadora das universidades e o seu profesorado que non se recollen no SIIU proveñen do Observatorio IUNE.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.03.2021.