Pasar al contenido principal

A USC ofertará o vindeiro curso 4.614 prazas para iniciar estudos de grao

Conforme ao calendario aprobado polo Consello de Goberno, a apertura de actas no primeiro período comezará o 16 de decembro. FOTO: Santi Alvite
Conforme ao calendario aprobado polo Consello de Goberno, a apertura de actas no primeiro período comezará o 16 de decembro. FOTO: Santi Alvite
O calendario académico do curso 21/22 abarcará do 1 de setembro de 2021 ao 31 de agosto de 2022, con dous períodos para a impartición da docencia, do 6 de setembro ao 22 de decembro e do 31 de xaneiro ao 13 de maio de 2022
Lugo, Santiago de Compostela

Para o vindeiro curso, a USC ofertará un total de 4.614 prazas nas súas titulacións de grao, ademais 1.831 prazas en 70 másteres e outras 859 en 58 programas de doutoramento. Así o acordou o Consello de Goberno nunha xuntanza celebrada este venres na que tamén se aprobaron as declaracións de intencións dos graos en Intelixencia Artificial, e en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira para a súa implantación no curso 2022-2023.

Para o mesmo ano académico, o órgano colexiado tamén deu luz verde ás declaracións correspondentes aos mestrados en Agroecoloxía, en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras, así como no mestrado en Ensino do Español como Lingua Estranxeira, titulación impulsada dende as tres universidades públicas galegas. O programa de doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos que desenvolverán conxuntamente USC (institución coordinadora), UDC, Universidade de Oviedo e Universidade de Zaragoza completa a listaxe de declaracións de intencións aprobadas por este órgano de goberno de cara ao curso 2022-2023.

Calendario académico

O calendario académico do curso 21/22 abarcará do 1 de setembro de 2021 ao 31 de agosto de 2022, con dous períodos para a impartición da docencia, do 6 de setembro ao 22 de decembro e do 31 de xaneiro ao 13 de maio de 2022. Conforme ao calendario aprobado polo Consello de Goberno, a apertura de actas no primeiro período comezará o 16 de decembro e no segundo o 13 de maio.

CITMAga

A reunión celebrada este venres autorizou tamén a proposta de creación do Consorcio Centro  de  Investigación  e  Tecnoloxía  Matemática  de  Galicia (CITMAga) no que toman parte as tres universidades galegas. Compartir visión e estratexia para aproveitar a capacidade e  reputación actuais das Matemáticas galegas para crear unha entidade de I+D sostible,  con relevante impacto académico, social e económico é unha das metas que persegue este Consorcio que integrará as  capacidades  científicas  máis  competitivas  das tres universidades nunha  Axenda Científica común, aliñada cos programas marco europeos, a Estratexia estatal de Innovación e a RIS3 de Galicia. Asumir como estratéxico o compromiso coa transferencia, proporcionando á industria autonómica e estatal unha vantaxe competitiva sostible a través dun fácil acceso á tecnoloxía habilitadora líder no mundo é outro dos obxectivos desta iniciativa.

O  CITMAga constitúese co impulso dun colectivo de investigadores/as  garantes, referentes científicos nas súas disciplinas e nas súas respectivas universidades que aseguran a viabilidade e impulso do Centro. Ao mesmo tempo, deberá ir conformándose sobre a adscrición progresiva e competitiva  dunha poboación científica de máis de 170  investigadores/as das tres universidades galegas.

Escola Infantil Breogán

Outros dous puntos aprobados nesta xuntanza foron as convocatorias de asignación de prazas na Escola Infantil Breogán no campus compostelán e a de adxudicación de axudas para a escolarización de menores de tres anos da Vicerreitoría de Lugo para o vindeiro curso 21/22.  Trátase de propostas enmarcadas no compromiso institucional da USC coa responsabilidade social e as políticas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar ás que fai referencia o II Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

Outros asuntos

Coa intención de fortalecer a actividade investigadora de alto nivel e proxección internacional, o órgano colexiado tamén referendou os criterios xerais para a contratación temporal de persoal investigador distinguido. Deste xeito, preténdese avanzar na incorporación en todas as áreas de coñecemento, de persoal investigador recoñecido, contribuíndo ao enriquecemento da masa crítica científica e á base académica.

Outros dos temas tratados na xuntanza foi a oferta de prazas de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias para alumnado estranxeiro o vindeiro curso académico, ou os complementos retributivos autonómicos por recoñecemento de actividades de xestión da convocatoria 2019, entre outros asuntos.

A reunión desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A reunión desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.03.2021.