Novos equipamentos para os graos de Empresa e Tecnoloxía e Veterinaria
O secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, visitou este martes as facultades de Veterinaria e de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC para coñecer polo miúdo algunhas das dotacións tecnolóxicas implementadas nas últimas datas dar continuidade á súa actividade docente e de I+D na situación de excepcionalidade provocada pola pandemia, ademais de para valorar a viabilidade de financiamento de novos equipamentos que redunden na mellora da calidade da docencia e, por tanto, na mellor formación do alumnado.
Díez de Castro aproveitou a súa estadía no Campus de Lugo, onde este martes tamén participou nunha reunión do padroado da Fundación Rof Codina, para manter un encontro informal co alumnado de primeiro curso do novo grao de Empresa e Tecnoloxía, “unha titulación mixta, que non figura no abano dos denominados títulos STEM, pero que, polo seu carácter pioneiro e innovador, está chamada a gozar de éxito durante as próximas décadas”.
Acompañado da vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e do decano da Facultade de ADE, Roberto Bande Ramudo, Díez de Castro, animou ao alumnado a aproveitar a formación os recursos tecnolóxicos dos que poden facer uso actualmente no centro universitario lugués, cuxo equipo decanal xa formalizou a solicitude de financiamento para dotar a facultade dun laboratorio tecnolóxico e dun business game ou centro de negocios. Estes novos equipamentos, sinalou Roberto Bande, permitirían ao estudantado unha formación práctica de calidade, o que tamén supón un aval engadido cara a futura incorporación ao mercado laboral da primeira promoción do grao en Empresa e Tecnoloxía.
Antes de reencontrarse co alumnado nas aulas de ADE, a que fora a súa facultade no Campus de Lugo, Díez de Castro completou un amplo percorrido polas instalacións da Facultade de Veterinaria, un centro que xa recuperou a plena docencia presencial, segundo indicou o decano Gonzalo Fernández Rodríguez, pero no que as instalacións de novas dotacións tecnolóxicas posibilitan aulas espellos e mesmo permiten que un mesmo docente poida intercambiarse de aula.
O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) da USC e o Laboratorio de Habilidades Clínicas foron outras das dependencias da Facultade de Veterinaira visitadas por Díez de Castro, ao que o equipo decanal lle trasladou o importante salto de calidade para o labor docente que se desenvolve no centro a disposición de máis modelos de simulación animal, xa equinos, xa vacunos, xa porcinos “Estas dotacións permitirían á Facultade de Veterinaria de Lugo situarse ao mesmo nivel dos centros punteiros en formación veterinaria, ao tempo que contribúen a mellorar o grao de benestar animal”, indican desde o equipo decanal.