Pasar al contenido principal

Unha mostra no Colexio de Fonseca percorre os maiores fitos da historia da química aplicada e as contribucións de Galicia

Público visitando a exposición. Foto: Santi Alvite
Público visitando a exposición. Foto: Santi Alvite
A mostra conta co patrocinio de cerca dunha vintena de empresas galegas de referencia no sector

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) inaugurou este xoves no Colexio de Fonseca, a exposición ‘Química para un mundo mellor’, unha mostra na que participa a USC e que permanecerá na capital galega durante todo este mes de outubro e despois viaxará por varias localidades.

A exposición componse de 20 paneis nos que se exploran os principais fitos da química aplicada. Cada un deles está dedicado a un sector de actividade no que se destacan os principais esforzos científicos realizados ao longo da historia para lograr novas solucións en sectores tan relevantes como a alimentación, a saúde, o medio ambiente ou os materiais. En cada un resérvase tamén un espazo para salientar os fitos especificamente rexistrados en Galicia en relación a ese ámbito.

A elección da temática da exposición débese á conmemoración neste 2019 do 150 aniversario da creación da táboa periódica e da homenaxe que a RAGC rende ao químico Tomás Batuecas como protagonista do Día da Ciencia en Galicia.

Dos fertilizantes aos nanomateriais

O papel dos fertilizantes e dos agroquímicos como chave para alimentar a humanidade, a contribución dos antibióticos para reducir drasticamente as taxas de mortalidade infantil (do 30% hai pouco máis dun século), os anticorpos monoclonais como esperanza para atallar as enfermidades raras, a influencia determinante dos fármacos sobre o aumento da esperanza de vida en cinco anos dende 1994, o uso dos analxésicos desde hai máis de 5.000 anos, a procedencia mariña dos antitumorais máis prometedores, as orixes do xabón en Mesopotamia e o uso dos primeiros colorantes no Neolítico son só un exemplo dos contidos da mostra en relación á alimentación, á saúde e á hixiene persoal.

As aplicacións dos nanomateriais na loita contra o cancro ou na fabricación de téxtiles intelixentes, a revolución que supuxo a produción de taboleiros para a industria da madeira, o proceso de fabricación da celulosa para facer papel, a evolución da cerámica ata converterse nun compoñente clave da industria espacial e a reutilización de ata o 75% do aluminio producido ata hoxe no mundo son algunhas das cuestións que se abordan nos paneis dedicados ao campo dos materiais.

A variedade de derivados do petróleo, o bioetanol como alternativa para reducir os gases de efecto invernadoiro, as algas e outros recursos naturais como base para fabricar bioplásticos, a contribución da química verde á sustentabilidade e a potibilización da auga, á que aínda non teñen acceso 663 millóns de persoas no mundo, protagonizan outros dos paneis da exposición relativos á enerxía e o medio ambiente.

Inauguración

Á apertura da exposición asistiron o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da Universidade de Santiago de Compostela, Gumersindo Feijoo; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; e o presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez, que acompañaron no percorrido ao presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio.

Tamén participaron na inauguración representantes da industria galega relacionada co sector químico, que se comprometeron con esta iniciativa de divulgación científica patrocinando a mostra. Finsa, Galchimia, ViAQUA, Ceamsa, Ence, AMSlab, Repsol, Lonza Biologics, o Instituto de Cerámica de Galicia, Pharmamar, Alcoa, Nanogap, Mestrelab, Foresa, Zendal, Syngenta e Bioetanol Galicia-Vertex Bioenergy son as empresas que a financian.

A RAGC pon a disposición de todos os interesados visitas guiadas gratuítas desde este venres día 4 ata o 31 de outubro, de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. No caso de querer realizar a visita en grupo, é necesario reservar con antelación enviando un mail a ragciencias [at] ragc.gal (ragciencias[at]ragc[dot]gal).

Día da Ciencia en Galicia

A inauguración desta mostra forma parte das actividades previas á celebración do Día da Ciencia en Galicia, que terá lugar o martes 8 de outubro. O acto académico que centrará a conmemoración celebrarase tamén no Colexio de Fonseca. Ademais de honrar a figura de Tomás Batuecas como científico homenaxeado este ano, serán entregados os Premios de Investigación Ernesto Viéitez e as Medallas de Investigación da RAGC.

O vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo, participou no acto inaugural. Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.12.2019.