Edison, un proxecto a prol da inclusión da discapacidade
O proxecto Edison, unha iniciativa de micromecenado da USC promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) do Campus de Lugo co obxecto de proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade orientada á adquisición de habilidades sociais e persoais para acceder a un posto de traballo de calidade, bota a andar este martes a súa segunda edición na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, grazas á implicación e ao respaldo económico de varias empresas.
A formación e o desenvolvemento de capacidades e competencias empresarias das sete persoas con algún tipo discapacidade física recoñecida é o obxectivo prioritario dos promotores desta segunda edición do proxecto Edison. Esta iniciativa, de marcada pegada social, busca, a través da inclusión social, mellorar o grao de empregabilidade das persoas con discapacidade, un colectivo que na actualidade atopa non poucas dificultades para acceder con éxito ao mercado laboral, segundo indicou a coordinadora deste programa, a profesora da USC e coordinadora da Aula TIC-Pemes da USC.
Ángeles López Cabarcos realizou estas declaracións na sesión de apertura da segunda edición do proxecto Edison no marco dun acto no que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o coordinador da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) en Lugo, Juan Gude; a orientadora laboral de Cogami, Toñi Arias; o decano da Facultade de ADE, Roberto Bande, e Ana Ferández Pita, da Aula TIC-Pemes da USC, ademais das sete persoas inscritas como alumnado.
O programa do proxecto Edison está estruturado en dúas fases, unha primeira etapa de formación teórica nas aulas da USC que se estenderá durante un período de 125 horas lectivas, e un segundo período de aprendizaxe práctica en empresas de acollida, nas que gozarán dunha estadía laboral durante un total de 162 horas. A superación destes dous módulos de formación permitirá ao alumnado acadar un certificado oficial da USC, pero, sobre todo, precisou López Cabarcos, ofreceralles a posibilidade de vivir unha “auténtica experiencia inclusiva”, a través da que ampliarán os seus coñecementos e habilidades, ademais doutras competencias acaídas para ingresar con máis garantías no mercado laboral.
Formación virtual
A segunda edición do proxecto Edison favorecerá tamén o achegamento das persoas con discapacidade ás novas tecnoloxías, xa que un dos módulos teóricos desenvolverase de xeito virtual con titorías personalizadas en liña. Nesta fase de formación, que leva por título ‘Business by web’, o alumnado aprenderá a utilizar aplicacións web directamente relacionadas coa xestión empresarial. “Trátase dunha proposta formativa integral, completa e actual”, salienta López Cabarcos.
Éxito de inserción
O éxito da primeira edición do proxecto Edison, que posibilitou que varias das persoas que superaron os distintos niveis de formación programados prolongaran a súa estadía xa nas empresas que desenvolveron as prácticas xa noutras distintas, a través da sinatura de contratos laborais, propiciou o lanzamento da segunda convocatoria dunha iniciativa que “funciona e axuda ao alumnado, ás empresas, á Universidade e á sociedade en xeral”, afirma López Cabarcos.
A coordinadora da Aula TIC-Pemes do Campus de Lugo da USC aproveitou asemade a xornada de apertura desta segunda edición do proxecto Edison para facer público o seu agradecemento ás empresas que apadriñan e sufragan os custes da formación do alumnado, entre as que figuran Arenal Perfumerías, Dmanán Vivenda, AmsLab Solucións Analíticas, Caixa Rural de Lugo, El Progreso, Torre de Núñez e o Colexio de Economistas de Lugo. O proceso de formación das persoas inscritas como alumnado da segunda edición do proxecto Edison prolongarase desde o 13 de abril ata o 31 de xullo de 2021.