Aberta a inscrición na VII Xornada de Iniciación á Micoloxía que celebrará a USC na Estación Científica do Courel o 26 de outubro
A Estación Científica do Courel da USC celebrará o vindeiro 26 de outubro a VII Xornada de Iniciación á Micoloxía, unha actividade de carácter divulgativo que contempla relatorios e unha saída ao monte para recoller cogomelos, durante a que se fará especial fincapé na diferenciación entre cogomelos comestibles e velenosos. As persoas interesadas en participar nesta iniciativa formativa poden formalizar a súa inscrición de balde ata o luns 21 de outubro na propia web desta instalación universitaria, a través do número de teléfono 600 942 418 e no enderezo de correo electrónico Antonio.rigueiro [at] usc.es (Antonio[dot]rigueiro[at]usc[dot]es).
O programa desta xornada sobre cogomelos comestibles e velenosos, un foro que nesta edición conta con apoio económico para a súa organización da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Folgoso do Courel, comezará cun relatorio de achegamento ao mundo da micoloxía a cargo de Juan Luis Fernández Lorenzo, profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo.
As características das principais especies comestibles centrará a intervención do catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro. De seguido, o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, quen tamén é doutor en Veterinaria, pechará o programa matinal cun relatorio sobre especies tóxicas e casos de intoxicación por cogomelos.
Xa en quenda de tarde, unha saída ao monte para identificar e recoller cogomelos baixo a guía do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, e na que tamén participarán os demais profesores do curso, servirá de colofón desta xornada de iniciación á micoloxía.