Pasar al contenido principal

Formando líderes en Mongolia, Casaquistán e Rusia

O proxecto pretende asemade crear unidades de ‘Leadership Education Center’ nas universidades destinatarias. FOTO: Santi Alvite
O proxecto pretende asemade crear unidades de ‘Leadership Education Center’ nas universidades destinatarias. FOTO: Santi Alvite
A USC toma parte nun consorcio internacional que forma a profesorado para impartir contidos relativos ao liderado nas comunidades locais integrando educación formal e non formal e combinando elementos pedagóxicos, sociolóxicos, psicolóxicos, legais, económicos e de xestión
Santiago de Compostela

O proxecto ‘Erasmus + DeSTT- Development of Skills and Teachers Training for Leadership’ no que toma parte a USC busca formar a profesorado no eido do liderado en Mongolia, Casaquistán e Rusia. A través dun consorcio internacional no que, alén da universidade compostelá, toman parte outras dez institucións pertencentes a cinco países, o proxecto aborda o complexo sistema de formación de líderes das comunidades locais integrando educación formal e non formal coa axuda dun currículo desenvolvido en forma de clúster temático por módulos que combina elementos pedagóxicos, sociolóxicos, psicolóxicos, legais, económicos e de xestión. No marco desta iniciativa Erasmus +, os profesores Ramón Bouzas Lorenzo e Dámarias Cuadrado González, do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía, acaban de impulsar un webminar sobre a experiencia europea no eido do adestramento de líderes.

“O proxecto pretende que o proceso de formación e desenvolvemento profesional dos profesores que deban impartir contidos relacionados co liderado sexa máis eficaz, co obxectivo de maximizar a interacción dos educadores nunha comunidade, de xeito que o seu comportamento nun ambiente profesional sexa innovador”, explican Bouzas e Cuadrado.  O proxecto pretende asemade crear unidades de ‘Leadership Education Center’ nas universidades destinatarias que servirán como plataforma para o deseño, desenvolvemento e promoción de ideas socialmente significativas na comunidade local, conformando un modelo de interacción e rede electrónica de activos cos representantes das comunidades locais. Baixo a coordinación da Universidade de Cassino e do Lazio meridional (Italia), integran o consorcio, alén da USC, institucións de Italia, Casaquistán, Mongolia, Rusia, Polonia.

"A integración da educación formal e non formal é capaz de promover a aprendizaxe de habilidades orientadas á práctica, que pode mellorar significativamente os sistemas de educación que aínda son demasiado teóricos para atender ás necesidades reais das persoas no que atinxe ao liderado”, explican os investigadores. Esta integración pode maximizar os niveis de participación da poboación no autogoberno local, facendo que as persoas sexan máis activas na súa vida diaria. No marco do programa de actuacións previstas, A USC levará a cabo actividades de acollida e formación de docentes, alén de organizar unha conferencia internacional sobre desenvolvemento de actividades de formación para o liderado. O proxecto está dotado cun financiamento de máis de 700.000 euros, dos cales, máis de 55.000 son xestionados dende a institución compostelá.

Ramón Bouzas Lorenzo e Dámarias Cuadrado González, do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía, acaban de impulsar un webminar sobre a experiencia europea no eido do adestramento de líderes
Ramón Bouzas Lorenzo e Dámarias Cuadrado González, do Departamento de Ciencia Política e Socioloxía, acaban de impulsar un webminar sobre a experiencia europea no eido do adestramento de líderes
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.04.2021.