Pasar al contenido principal

A USC asina o convenio para a creación e xestión do Centro SECS de Documentación de Ciencias do Solo en España

López e Mataix-Solera danse a man tralo acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
López e Mataix-Solera danse a man tralo acto de sinatura. Foto: Santi Alvite
O acordo formalizado este venres coa Sociedade Española de Ciencias do Solo permitirá incorporar este centro no seo da Biblioteca Universitaria
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López e o presidente da Sociedade Española de Ciencias do Solo (SECS), Jorge Mataix-Solera, asinaron este venres no Colexio de San Xerome, o convenio que permitirá a creación e a xestión do Centro SECS de Documentación de Ciencias do Solo en España. Este centro integrarase dentro da Biblioteca Universitaria e os seus fondos serán depositados a efectos de conservación e custodia física na Biblioteca ‘Víctor López Seoane’ na Facultade de Bioloxía.

Este Centro será o receptor das doazóns modais de documentación referentes ás Ciencias do Solo que consiga ou tramite a SECS de entidades públicas, entidades privadas e de persoas físicas. Asemade xestionará de forma eficiente a documentación de cada doazón, isto é, transporte desde o lugar de procedencia, catalogación informatizada, preservación dos documentos e permitirá o acceso a dita documentación. A xestión dos excedentes de acordo coa Xunta Directiva da SECS é a terceira das funcións previstas para o centro.

A USC, en virtude da longa tradición coa que conta en estudos de Edafoloxía, da extensa actividade docente e investigadora que realiza na devandita materia, así como das estreitas relacións que mantén con outros centros e institutos de investigación relacionados coas Ciencias do Solo e, máis en particular, coa propia Delegación Territorial en Galicia da SECS, foi elixida por unanimidade pola comisión de selección para ser a institución que albergase este Centro mediante a súa integración na Biblioteca Universitaria.

Catalogación do fondo

O persoal técnico da Biblioteca Universitaria encargarase do tratamento dos fondos bibliográficos e documentais que se vaian recibindo: recepción das doazóns, catalogación dos fondos no catálogo colectivo informatizado, incorporación ao servizo de consulta e préstamo, e demais servizos ofrecidos pola Biblioteca (en especial o Catálogo Iacobus e o Repositorio Institucional Minerva, accesibles vía internet). O fondo documental será xestionado automatizadamente a través do sistema propio da Biblioteca Universitaria, que permite a catalogación do fondo, facendo constar a procedencia do material doado, para coñecer, a través da páxina web da Biblioteca, a persoa ou institución que doase cada documento.

A USC dixitalizará cando considere oportuno aquel material recibido que cumpra co establecido na normativa vixente de propiedade intelectual e incorporará os fondos do Centro ao Servizo de Préstamo Interbibliotecario e Fotodocumentación, que permite servir a calquera biblioteca do mundo exemplares ou copias da colección da Biblioteca Universitaria.

O convenio establece a creación dunha Comisión Mixta de Seguimento que resolverá os problemas de interpretación e cumprimento do acordo. A Comisión reunirase, física ou virtualmente polo menos unha vez ao ano ou cando se considere necesario a criterio das partes.

A SECS é unha entidade científica sen ánimo de lucro, fundada en 1947 no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que promove o estudo, coñecemento, investigación e protección do solo.

Acto de sinatura do convenio. Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.12.2019.