Pasar al contenido principal

Elena Vázquez Cendón repite no cargo como decana da Facultade de Matemáticas

Elena Vázquez Cendón é profesora de Matemática Aplicada na USC. FOTO: Santi Alvite
Elena Vázquez Cendón é profesora de Matemática Aplicada na USC. FOTO: Santi Alvite
A profesora da USC obtivo 37 votos a favor, 14 en branco e un voto nulo nas eleccións celebradas este mércores
Santiago de Compostela

A profesora Elena Vázquez Cendón repetirá no cargo como decana da Facultade de Matemáticas ao obter 37 votos a favor, 14 en branco e un voto nulo nas eleccións celebradas este mércores. Acompañarana á fronte da dirección do centro, Mercedes Conde Amboage e Rosana Rodríguez López como vicedecanas e Beatriz Pateiro López como secretaria. A profesora Vázquez Cendón é decana deste centro dende o 16 de xuño de 2017.

Profesora de Matemática Aplicada da USC, naceu en Ourense o 2 de marzo de 1966. En 1984, trasladouse a Compostela para estudar Ciencias Matemáticas, carreira na que se licenciou, graduou e doutorou. Dende 1997 é profesora titular do Departamento de Matemática Aplicada. Forma parte do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática e da Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA) dende a súa constitución, así como da Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA) e da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica DivulgAcción.

Coordinadora xeral, dende xullo do 2014 ata setembro de 2018, do programa de Estímulo do Talento Matemático (ESTALMAT-Galicia) para nenos e nenas de 12 a 15 anos, é tamén responsable do seguimento dos egresados e da conexión do proxecto coas STEM dende setembro de 2018 e presidenta de Estalmat-Galicia dende o 10 de abril de 2021. É membro do Instituto de Matemáticas da USC e investigadora adscrita ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, así como coordinadora xeral do Máster en Matemática Industrial, impartido pola USC, UDC, UVigo, Carlos III e Politécnica de Madrid.

 Participa, asemade, impartindo charlas e talleres en centros de Ensino Medio de Galicia tanto en temas de divulgación científica como de Muller e Ciencia, colaborando nos cursos 2015-16 e 2016-17 cos Programa Diana e Ada, respectivamente, a proposta da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Vázquez Cendón é membro tamén do Plenario do Consello da Cultura Galega dende maio de 2018, así como da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega dende 2012 e coordinadora da mesma dende xullo de 2018. É membro da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia e forma parte do directorio de Referentes galegas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2021.