Pasar al contenido principal

As adolescentes están máis concienciadas que os mozos da súa idade de que a prostitución constitúe un acto de explotación

A investigación pon o foco na necesidade de accións sociais, político-sociais e, ante todo,  socioeducativas para abordar a problemática da prostitución. FOTO: Santi Alvite
A investigación pon o foco na necesidade de accións sociais, político-sociais e, ante todo, socioeducativas para abordar a problemática da prostitución. FOTO: Santi Alvite
O webinar ‘Percepción por parte de adolescentes da prostitución e violencia sexual contra as mulleres. Un estudo diagnóstico’ serviu para presentar os resultados do estudo no que investigadores da USC analizaron as respostas de case 1.500 mozos e mozas de Galicia
Santiago de Compostela

Mozos e mozas adolescentes consideran case  en igual proporción que a prostitución constitúe a venda do corpo a cambio de diñeiro; porén, as rapazas amosan unha maior concienciación de que esta actividade implica un acto de  explotación e violencia contra as mulleres. Esta é unha das conclusións que a investigadora da USC, Rita Radl Philipp, expuxo este mércores no webinar ‘Percepción por parte de adolescentes da prostitución e violencia sexual contra as mulleres. Un estudo diagnóstico’ e que se enmarca dentro do ciclo ‘Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Proxectos de investigación na USC’.

Un total de 1.434 mozos e mozas, foron sometidos a cuestionarios e grupos de discusión coa finalidade de afondar no nivel de conciencia que presentaban con respecto ao significado de violencia que alberga a prostitución con respecto ás mulleres que a exercen e o seu vínculo inevitable coa trata. Os datos cualitativos obtivéronse a través de grupos de discusión realizados a alumnado de 4º da ESO de Galicia, mentres que os cuantitativos foron o resultado de cuestionarios respondidos por mozos e mozas de educación secundaria nunha mostra representativa do contexto galego.

Mercantilismo

Unha visión algo máis mercantilista prevalece no xénero masculino analizado xa que os mozos preguntados consideran nun 22,68% que a prostitución é unha actividade na cal se manteñen relacións sexuais a cambio de diñeiro fronte a un 18,05% das mozas, alén de consideralo como un traballo sen máis para gañar diñeiro nun 11,27 % fronte a un 8,61% das novas mulleres. “A diferenza  intragrupal de 6,25 puntos das respostas é significativa”, sinala a profesora Radl Philipp. “Ambos os dous xéneros consideran case por partes iguais que a prostitución é vender o corpo por diñeiro pero existe unha concienciación de que se trata dunha explotación das mulleres que é máis alta nas propias mulleres”, sinalou a investigadora da USC no transcurso do webinar no que tamén explicaron a investigación os profesores Begoña Gómez Vázquez e Jorge  García Marín como membros do equipo do proxecto.

Un 66,25% e un 58,45% respectivamente de mulleres e de homes novos consideran, asemade, que a prostitución é unha explotación sexual. “As mozas adolescentes mostran, sen dúbida, unha conciencia maior en canto a este vínculo que os novos homes”, sinala Radl. Os resultados dos grupos de discusión corroboran esta tendencia xa que é o colectivo das mulleres novas que expresa, un rexeitamento total nun moi alto grao da prostitución. “Fálannos de que esta significa unha ‘escravitude’ para as mulleres. Consideran que non existe ningunha decisión libre por parte das mulleres para dedicarse a ela e que estas se dedican á prostitución por coacción, tanto de persoas, no caso da trata, como pola súa situación vital”, explica Radl.

A investigación pon o foco na necesidade de accións sociais, político-sociais e, ante todo,  socioeducativas para abordar a problemática da prostitución e o seu vínculo coa violencia e explotación sexual coas persoas máis novas da sociedade, e particularmente cos mozos e mozas adolescentes. Este traballo realizouse no seo do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC, do que a profesora Radl Philipp é responsable e no que tamén toman parte, á marxe dos investigadores xa mencionados, Nélida Cecilia Lamelas Castellanos, María Curros Espiño e Pablo Soto Casas. A investigación realizouse con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero en virtude dun convenio coa Consellaría de Emprego e Igualdade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.04.2021.