Pasar al contenido principal

O doutor honoris causa pola USC John B. Goodenough, Premio Nobel de Química 2019

John Bannister Goodenough, no acto de investidura como doutor honoris causa da USC. Foto: Santi Alvite
John Bannister Goodenough, no acto de investidura como doutor honoris causa da USC. Foto: Santi Alvite
O catedrático da Universidade de Texas é considerado o pai da batería recargable de ions de litio

O catedrático da Universidade de Texas John B. Goodenough, investido doutor honoris causa pola USC no ano 2002, vén de ser recoñecido co Premio Nobel de Química 2019. Goodenough é considerado o pai da batería recargable de ions de litio.

O catedrático de Ciencia e Enxeñería da Universidade de Texas John Bannister Goodenough foi investido no ano 2002 doutor honoris causa pola USC nun acto celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Na cerimonia de investidura, presidida polo entón reitor Darío Villanueva, actuou como padriño do profesor Goodenough o catedrático de Electromagnetismo da USC, José Rivas Rey.

Na súa cerimonia de investidura como doutor honoris causa, o profesor Goodenough fixo unha mención especial ao bolseiro Fulbright da USC que traballou con el, o hoxe profesor da USC e investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) Francisco Rivadulla, así como ao profesor Rivas.

Goodenough mantén estreitos vínculos coa USC dende fins da década dos oitenta. É estreito colaborador do grupo de investigación do profesor Francisco Rivadulla do CiQUS, e do gripo de Magnetismo de Sólidos, dirixido polos catedráticos Jorge Mira Pérez e José Rivas Rey. Asemade, Goodenough ten impartido como docente diferentes cursos na USC.

Goodenough
Nacido en Alemaña no ano 1922, John B. Goodenough é unha das primeiras figuras mundiais en Física e Química do Estado Sólido. Foi catedrático na Universidade de Oxford e dirixiu o prestixioso Lincoln Laboratory do MIT. O seu destacado traballo sobre as propiedades básicas dos sólidos foi sustento teórico de moitas investigacións. O profesor Goodenough foi pioneiro neste campo e durante moitos anos creou unha importante escola, a primeira no seu xénero, con discípulos nos cinco continentes. Goodenough ten recibido numerosos premios e distincións da máxima envergadura científica como a Medalla Copley 2019 ou a National Medal of Science 2011.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.10.2022.