Pasar al contenido principal

Matemáticas acolle este xoves 10 de outubro a VI Xornada de Usuarios de R en Galicia

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Este foro promociona e difunde dende as 9.00 horas o coñecemento libre da linguaxe estatística R e mostra as súas aplicacións
Santiago de Compostela

A Facultade de Matemáticas da USC acolle este xoves 10 de outubro a VI Xornada de Usuarios de R en Galicia, punto de encontro para promocionar e difundir o coñecemento libre da linguaxe estatística R e mostrar as súas aplicacións. A inscrición é de balde e de libre acceso a través desta ligazón.

Organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG e patrocinada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coa colaboración da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLISA) e da Facultade de Matemáticas, esta xornada contempla diversos relatorios ao longo de todo o día, ademais de tres obradoiros impartidos por membros do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC.

O taller introdutorio ao software R enmárcase dentro do Sistema Titorial da Facultade de Matemáticas da USC e correrá a cargo da profesora Mª José Ginzo Villamayor. María Isabel Borrajo García e Mercedes Conde Amboage abordarán a visualización de datos espaciais con R; mentres que Manuel Oviedo de la Fuente impartirá a actividade ‘Multivariate and Functional Data Classication in R’.

Entre os participantes na xornada figuran especialistas de empresas e da administración pública como o Instituto Galego de Estatística, ou a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. O foro tamén contará coa presenza de investigadores do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), profesores do eido da Estatística a e Investigación Operativa das tres universidades galegas, así como alumnado do programa de Doutoramento en ‘Estatística e Investigación Operativa’ e do Máster en Técnicas Estatísticas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2019.