O emprego, a mellor conexión entre universidade e empresa

A área de Orientación Laboral e Emprego da USC no Campus de Lugo, un servizo universitario que botou a andar en novembro de 1998, actúa desde os seus comezos como unha conexión eficiente entre a USC e o mercado laboral, tal e como o proban os milleiros de ofertas laborais emitidas por empresas e administracións e orientadas a candidaturas con perfís de formación universitaria canalizadas e xestionadas durante as dúas últimas décadas neste servizo do campus lugués.
A inserción laboral dos titulados universitarios formados nas diferentes escolas e facultades do campus de Lugo é un dos obxectivos prioritarios, que non exclusivo, da Área de Orientación Laboral e Emprego do Campus Terra da USC, que desde os seus comezos mantén activa unha bolsa de estudantes e titulados demandantes de emprego, bolsas ou prácticas laborais en moi diversos ámbitos profesionais.
“A bolsa de emprego do campus de Lugo é un bo termómetro da situación do mercado”, comenta Gloria Cruz, responsable da Área de Orientación Laboral e Emprego do campus de Lugo da USC, ao tempo que sinala que “son moitos os egresados universitarios que accederon ao mercado laboral a través deste servizo”.
“A USC non ten acceso ao resultado de todos os procesos de selección de persoal nos que participan os titulados e tituladas formados nas súas aulas, polo que resulta imposible falar dunha maior ou menor taxa de empregabilidade”, relata Cruz, para logo engadir que “o feito de que preto de 40 empresas (locais, nacionais e internacionais) recorran en pleno mes de agosto a este servizo universitario na procura de egresados universitarios para incluír nos seus procesos de selección de persoal constitúe, cando menos, un indicador positivo para nós en relación tamén á excelente formación técnica e transversal dos nosos estudantes e egresados”.
Capacidade de resposta inmediata
A Área de Orientación Laboral e Emprego do campus de Lugo, a diferencia do que sucede noutras universidades, ten capacidade para responder pouco menos que de xeito inmediato ás ofertas de emprego que recibe, dado que conta cunha ampla relación de currículos na súa bolsa de emprego, un servizo que resulta gratuíto para todos os usuarios, segundo remarca Gloria Cruz.
A técnico da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC na sede universitaria luguesa sinala que esta posibilidade de ofrecer con celeridade candidaturas para desenvolver os postos de traballo que se ofrecen constitúe unha vantaxe competitiva respecto doutras universidades. Asemade, Cruz Amil ve a xestión profesional e a confidencialidade outros aspectos que reportan confianza aos empregadores que acoden ao campus de Lugo na procura de profesionais con titulación universitaria, un requirimento común na maioría das ofertas de emprego rexistradas e cuxos perfís tamén se axustan ás titulacións de grao e máster impartidas pola USC na súa sede luguesa. Outra das vantaxes competitivas deste servizo no campus lugués é a atención personalizada de cada oferta, a adaptación as necesidades específicas de cada unha das empresas ofertantes e ademais tamén hai coñecemento persoal de case tódolos candidatos que enviamos a unha oferta, o que ofrece un plus de información ao proceso selectivo, sinala Cruz.
A Área de Orientación Laboral e Emprego do campus de Lugo da USC solo tramita aquelas ofertas que se axustan ao dereito laboral e non resultan discriminatorias para o traballador, pero este servizo universitario tamén xestiona, en colaboración cos equipos de dirección dos centros do campus lugués, bolsas ou ofertas para a realización de prácticas en empresas. Gloria Cruz sinala que é fundamental o traballo coordinado e a colaboración que se fai con todas direccións dos centros do campus, para unha xestión óptima das ofertas e unha maior difusión. “Todos centros do campus están moi concienciados coa inserción laboral dos seus estudantes”, afirma.
Outra das modalidades de acceso ao mercado laboral que se canalizan desde a Área de Emprego e Orientación Laboral da USC en Lugo son os chamados ‘minijobs’, unha tipoloxía de contratos por horas e flexibles que teñen como principais destinatarios os membros da comunidade estudantil, xa que son ofertas de traballo compatibles cos estudos e que permiten ao alumnado obter uns ingresos ao tempo que atende as súas obrigas académicas e adquiren competencias transversais para o emprego, explica Cruz Amil.
Novos perfís do ecosistema laboral
As necesidades de traballadores do ecosistema laboral están a mudar de seguido. No caso das ofertas de emprego rexistradas na bolsa de emprego do campus de Lugo, a titulación universitaria e amplas competencias en idioma estranxeiro son requisitos pouco menos que indispensables, segundo indica Gloria Cruz. Esta técnico de Emprego e Orientación Laboral da USC apunta asemade que a evolución do mercado presenta tres grandes retos para os traballadores: xestión do cambio, talent revolution e traballadores híbridos.
A alta competitividade do mercado laboral implica que a especialización, xunto coa capacidade de adaptación e aprendizaxe constitúen os elementos que marcan a diferencia no mundo laboral, un escenario no que as competencias dixitais, lingüísticas e persoais (talent revolution) desempeñan un cometido cada vez máis importante na diferenciación do profesional, o emprego e o progreso, comenta Cruz Amil. Esta técnico de xestión de emprego tamén sinala os perfís híbridos, que combinan habilidades, relacións e aptitudes técnicas, e a experiencia internacional no currículo como características cada vez máis demandadas.