O XI Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Lizenza Libre promove o software libre entre o estudantado do SUG

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) promoven, en colaboración con outros axentes e entidades, o emprego e a difusión do software libre entre o estudantado universitario galego coa convocatoria do XI Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre.
O obxectivo da convocatoria deste premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías, ademais de abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación. Asemade, con esta iniciativa búscase asemade premiar o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo desenvolvido ao abeiro dos proxectos Fin de Carreira, Traballo Fin de Grao ou Traballo Fin de Mestrado Universitario defendidos en calquera das tres universidades galegas durante o curso 2017-18 e que acadara unha cualificación mínima de 5.
As candidaturas interesadas en participar neste premio, cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 2 de outubro, deberán estar realizadas cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación. O software desenvolvido debe contar asemade cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Tamén poderán participar nesta convocatoria os proxectos que, cumprindo os requisitos previos, sexan realizados utilizando hardware libre.
Inscrición e premios
As persoas interesas en optar a este premio deberán inscribir antes do 2 de outubro a súa candidatura na forxa de mancomún, no tópico “Concursos > Premio ao mellor PFC con Software Libre > 2018”, un proceso cuxa aprobación pode tardar ata 72 horas. Ademais de formalizar a inscrición en tempo e forma, cómpre tamén entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. A memoria deberá publicarse na sección Documentos do proxecto na Forxa. Darse de alta na lista de correo do premio e cubrir o formulario de inscrición son outros dos requisitos de obrigado cumprimento.
O XI Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre terá unha dotación económica de 1.500 euros para a candidatura gañadora . Ademais, se o xurado o estima, podería concederse tamén un segundo premio cunha gratificación económica de 750 euros.
O xurado encargado de fallar o galardón terá en conta na súa decisión o nivel de actividade pública do proxecto, a calidade do mesmo, así como o uso axeitado dunha licenza libre. O acto de resolución deste galardón terá lugar durante a tarde do venres 26 de outubro.