Pasar al contenido principal

O ILG pon en marcha a plataforma Lingua Viva, un espazo no que reunir as doazóns lingüísticas dos galegofalantes

As persoas usuarias poderán doar conversas de whatsapp. FOTO: Santi Alvite
As persoas usuarias poderán doar conversas de whatsapp. FOTO: Santi Alvite
Este proxecto coordinado pola profesora Elisa Fernández Rey e que conta co apoio do programa de micromecenado da USC Sumo Valor, permitirá recoller audios, vídeos ou mesmo conversas de whatsapp para evidenciar como o idioma está “en continuo movemento”
Santiago de Compostela

O proxecto Lingua Viva, coordinado dende o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC pola profesora Elisa Fernández Rey, pretende poñer en marcha unha plataforma que permita recoller o patrimonio lingüístico galego mediante un método colaborativo coa cidadanía, en virtude do cal, todos os cidadáns poidan achegar o seu coñecemento lingüístico. “O noso propósito é crear un espazo que reúna as doazóns lingüísticas dos falantes do galego vivo”, apunta a profesora Fernández Rey. Esta plataforma en liña que conta co apoio do programa de micromecenado da USC Sumo Valor, incorporará distintas vías para levar a cabo a recollida do legado lingüístico, que pode ir dende a doazón de palabras e expresións, ata o envío de audios ou vídeos, conversas de whatsapp ou a participación en experimentos de produción ou percepción lingüística.

“A xente, por exemplo, pode achegar as distintas expresións que emprega para amosar enfado, xa sexa a través dunha gravación ou texto escrito, e con todo ese material, obtense unha representación gráfica na que se reflicten as diversas expresións que se usan segundo a idade ou o sexo”, explican os investigadores do ILG. “A idea é que a cidadanía achegue información, pero que tamén poida comprobar como a fala cambia segundo distintos parámetros. As linguas están vivas porque están en continuo movemento e cambio e, precisamente, iso é o que as converte en instrumentos tan eficaces para que nos entendamos e nos comuniquemos”, apunta a profesora  Fernández  Rey. Por outro lado, engade, “o recurso ofrecerá visualizacións dos datos que se vaian achegando, co fin de que as persoas que doan coñecemento lingüístico teñan un retorno e poidan ver como a súa doazón contribúe e enriquece a presentación dos datos en gráficos, mapas ou outros métodos de visualización”.

Tomar conciencia da riqueza

A finalidade do proxecto Lingua Viva é conformar un corpus amplo que represente de maneira adecuada a variedade do galego vivo en todas as súas expresións, contribuíndo a que a xente tome conciencia da riqueza que supoñen as linguas e que se recoñeza o valor que representa unha lingua viva. Ademais, a partir dos datos recollidos, poderanse realizar investigacións nos campos lingüístico, sociolingüístico, ou da análise do discurso, entre outros, facendo visible e poñendo en valor o patrimonio lingüístico do galego actual.

“O noso principal obxectivo non é tanto salvagardar aspectos da lingua que se van perdendo senón resaltar a capacidade de comunicación e expresión da lingua que creamos e conformamos cada día cando falamos. A idea é que a xente vexa a lingua como algo vivo e que se recoñeza nalgún dos xeitos que temos de falar en Galicia. Trátase de que nos acheguemos a como a xente realmente fala”, salientan dende o ILG.

Elisa Fernández Rey pon o foco en que “a investigación no eido da comunicación en xeral e da lingüística en particular ten cada vez máis importancia nun mundo no que se comunica tanto a través de medios distintos, usando moitas veces tecnoloxías que están en continua mudanza. Movemos grandes volumes de información usando a lingua, de xeito que estas investigacións pódennos axudar a xestionar mellor a información e a aprender máis de como nos comunicamos para entendernos mellor”.

Sumo Valor

Este proxecto conta co apoio do programa de micromecenado Sumo Valor, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, co respaldo do Consello Social da USC. Unha das liñas deste programa céntrase no apoio a actividades de investigación, facendo así partícipe á sociedade en proxectos científicos propios da USC enfocados á procura dun desenvolvemento sustentable mediante accións innovadoras e de clara vontade social. Empresas e particulares poden colaborar con estas investigacións mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.  

Nesta liña, a profesora Fernández Rey salienta que “é fundamental que os cidadáns se animen a participar tamén nas investigacións de carácter lingüístico a través de pequenas doazóns económicas porque a lingua é de todos, é un ben que nos pertence a todos por igual e os resultados destes proxectos representan un beneficio para o conxunto da sociedade”.

A profesora Elisa Fernández é a responsable do proxecto
A profesora Elisa Fernández é a responsable do proxecto
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.09.2022.