Pasar al contenido principal

O luns 1 de xullo arranca a décima edición dos Campus Científicos de Verán

Participa alumnado de 1º de Bacharelato e 4 de ESO
Santiago de Compostela

A décima edición dos Campus Científicos de Verán arrancarán o vindeiro luns 1 de xullo no campus compostelán. Esta é unha iniciativa organizada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), adscrita ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en colaboración co Ministerio de Educación e Formación Profesional. Diríxese a alumnado de 1º de Bacharelato e 4º de ESO de centros educativos de toda España e pretende fomentar a investigación científica de excelencia así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica ao tempo que espertar entre os estudantes vocacións científicas e avivar o seu interese, tanto polo estudo das ciencias como pola actividade investigadora.

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidirá a sesión inaugural e o acto de benvida a esta primeira quenda de participantes no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca (Campus Vida). Os Campus Científicos desenvolveranse ao longo de xullo coa participación de 120 estudantes. Na primeira quincena para 60 estudantes de 1º de Bacharelato distribuídos en dúas quendas dunha semana de duración e na segunda quincena para o alumnado de 4º de ESO, igualmente ao longo de dúas quendas semanais.

O profesor Celso Rodríguez Fernández, coordinador do Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ coordina esta actividade na USC, na que o alumnado poderá participar nos proxectos ‘¿Cómo eliminar a contaminación da auga?’ ‘Atrévete a investigar e innovar!’, ‘Buscando partículas no maior acelerador da historia: LHC’, ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’ e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’ dirixidos respectivamente por Gumersindo Feijoo Costa, Xabier Cid Vidal, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar.

Este Programa conta coa colaboración de 13 universidades pertencentes aos Campus de Excelencia Internacional, que foron seleccionadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional conforme a valoración realizada dos mellores proxectos de acercamento científico presentados.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.01.2020.