Veterinaria é o eido temático da USC mellor valorado polo Ránking de Shanghai por materias
A USC é unha das universidades máis destacadas do mundo nun total de dezaseis ámbitos específicos das Ciencias Naturais, a Enxeñaría, as Ciencias da Vida, as Ciencias Médicas e as Ciencias Sociais, segundo se desprende da última edición do ránking de Shanghai por materias (ARWU). A Universidade é unha das máis de 1.800 universidades de 93 países recollidas nesta versión por ámbitos temáticos específicos.
Veterinaria, situada no intervalo 76-100, é o eido no que a USC acada unha posición máis salientable. Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía, Odontoloxía e Ciencias Orais, así como Farmacia e Ciencias Farmacéuticas sitúanse no chanzo 151-200. No intervalo 201-300 atópase Física, Ciencias Políticas e Xestión Turística e Hostaleira. Pola súa parte, Química, Ciencias da Enerxía, Ciencias do Medio Ambiente, Ciencias da Agricultura e Biotecnoloxía aséntanse no chanzo 301-400. Finalmente, no banzo 401-500, atópanse Matemáticas, Ecoloxía, Enxeñaría Química e Bioloxía.
Metodoloxía
Ademais dunha enquisa de excelencia académica, esta clasificación toma en consideración os datos bibliométricos de Web of Science e InCites para medir a grao de produtividade investigadora de cada institución, analizar a súa calidade ou o alcance das colaboracións internacionais, entre outros aspectos.