Pasar al contenido principal

O 99% das mortes por COVID-19 en Galicia foron de persoas maiores de 50 anos

Outro aspecto importante en relación cos novos contaxios analizados no traballo “é que o máximo de infeccións da terceira onda foi catro veces superior ao da primeira onda”, indican os seus responsables. FOTO: Santi Alvite
Outro aspecto importante en relación cos novos contaxios analizados no traballo “é que o máximo de infeccións da terceira onda foi catro veces superior ao da primeira onda”, indican os seus responsables. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC Juan José Nieto tomou parte nunha investigación na que se analizaron os datos de persoas falecidas e contaxiadas e de ingresos en hospital e en unidades de coidados intensivos por grupos de idade e en distintos momentos da pandemia
Santiago de Compostela

Durante o primeiro ano de pandemia, o 99% das mortes por COVID-19 producíronse en persoas maiores de 50 anos, e máis do 70% eran maiores de 80 anos pese a representar menos do 9% da poboación galega. Co avance da pandemia e a xeneralización de probas PCR entre a poboación, a porcentaxe de casos detectados por grupo de idade é moi semellante practicamente en todos eles. Estas son algunhas das conclusións recollidas nun traballo realizado por investigadores da USC, UVigo e do Sergas no que se analizan os datos dun ano de pandemia en Galicia.

O traballo foi publicado recentemente na revista International Journal of Environmental Research and Public Health co título ‘One year of the covid-19 pandemic in Galicia: a global view of age-group statistics during three waves’. Está asinado polo catedrático de Análise Matemática da USC Juan José Nieto, xunto aos profesores da UVigo Iván Area e Henrique Lorenzo, así como por Pedro J. Marcos do Sergas. Nel analízanse os datos de persoas falecidas e contaxiadas e de ingresos en hospital e en unidades de coidados intensivos por grupos de idade e en distintos momentos da pandemia —na primeira onda, no ano completo e no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e os primeiros días de abril de 2021, coincidindo este último período co comezo da campaña de vacinación e a propagación da mutación británica do virus en Galicia—.

Persoas falecidas

Na análise realizada, os investigadores sinalan que nun ano de pandemia case o 71% das persoas falecidas era maiores de 80 anos. Ademais, o 19% estaba no grupo de idade de 70-79; algo máis do 6% no grupo de 60-69 e un pouco menos do 3% no grupo de 50-59 anos de idade. Deste xeito, máis do 99% das mortes producíronse en persoas maiores de 50 anos. A porcentaxe de persoas falecidas respecto ao total de pasamentos, recóllese no estudo, decrece a medida que vai avanzando a campaña de vacinación nas persoas maiores de 80 anos. Das 10.836 persoas maiores de 80 anos que padeceron a doenza, os autores do traballo sinalan que 1643 delas morreron. “É dicir, morreu máis dun 15% das persoas maiores de 80 anos que enfermaron”, afirman.

Respecto aos datos de defuncións, os investigadores tamén subliñan como “resulta moi importante destacar que o máximo diario de persoas falecidas na primeira e na terceira onda teñen valores moi semellantes”.

Contaxios por grupos de idade

O estudo tamén abrangue os datos de persoas contaxiadas. Neste senso, os investigadores destacan que “durante a primeira onda da pandemia e no comezo do actual curso académico repetiuse en distintos foros que a COVID-19 non afectaba ás persoas menores. A realidade é ben distinta”. Así, detallan, na primeira onda, os datos oficiais sobre a afectación nos grupos de idade de 0-9 e de 10-19 arroxaban unhas porcentaxes do 0,84% e 1,61% dos casos, respectivamente, é dicir, algo máis do 2% dos casos, cando estes grupos representan case o 16% da poboación. Porén, indican, se analizamos o sucedido desde o 1 de xaneiro de 2021 obsérvase que no grupo de 0-9 recolléronse o 7,93% dos casos —cando representan o 7,30% da poboación galega— e no grupo de 10-19 o 9,99% dos casos cando representan o 8,50% da poboación.

“Co avance da pandemia e a xeneralización de probas PCR entre a poboación obsérvase que a porcentaxe de casos detectados por grupo de idade é moi semellante”, indican os investigadores. O mito de que a COVID-19 non afecta ás persoas de menos idade queda claramente demostrado que non é certo”, afirman os investigadores. A extrapolación destas porcentaxes á primeira onda, engaden os autores do traballo, “indicaría que unha poboación duns 3000 contaxiados asintomáticos menores de 20 anos non detectados terían actuado como vectores de transmisión da enfermidade na primeira onda”.

Outro aspecto importante en relación cos novos contaxios analizados no traballo “é que o máximo de infeccións da terceira onda foi catro veces superior ao da primeira onda”, indican os seus responsables.

Ingresos nos hospitais e UCI

Un dos problemas durante a pandemia, apuntan os investigadores que realizaron o estudo, “é poder atender ás persoas que necesitan hospitalización”. Durante a pandemia, sinalan, “máis do 72% das hospitalizacións correspondeu a persoas maiores de 60 anos”. Esa porcentaxe foi superior durante a primeira onda, xa que o grupo de persoas maiores de 60 anos tivo foi algo máis do 76,17% das hospitalizacións.

Porén, engaden os investigadores, “sen dúbida un dos principais problemas durante a pandemia é dispor de camas e recursos humanos nas unidades de coidados intensivos”. Neste senso indican como durante este ano de pandemia, case dous terzos dos casos correspondeu a persoas de entre 60 e 79 anos de idade. Ademais, se ben na primeira onda houbo 315 persoas ingresadas, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 1 de abril o número de persoas que ingresaron nas UCIs galegas superou as 800.

Evolución das persoas falecidas durante o ano de pandemia por franxas de idade
Evolución das persoas falecidas durante o ano de pandemia por franxas de idade
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.05.2021.