Pasar al contenido principal

Petos solidarios e paseos científicos en Lugo para investigar enfermidades raras en modelos de peixe cebra

Huchas del proyecto de I+D+i inspirado en Pelayo repartidas en establecimientos de Lugo
Huchas del proyecto de I+D+i inspirado en Pelayo repartidas en establecimientos de Lugo
O equipo da USC liderado por Laura Sánchez Piñón que promove novas liñas de estudo sobre os CDG a través dun proxecto incluído na plataforma de crowdfunding da FECYT, anima á sociedade luguesa a colaborar nesta investigación, que xa recadou 18.000 euros, a través das huchas repartidas en farmacias e comercios e coa súa participación na expedición programada con Guido Guía o 18 de xuño polo barrio do Carme
Lugo, Santiago de Compostela

O equipo de investigadores da USC liderado desde o Campus de Lugo pola catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón que impulsa novas liñas de estudo en peixe cebra sobre as causas que orixinan os defectos conxénitos de glicosilación (CDG) a través do proxecto ‘Pelayo e o peixe cebra axudan na investigación das enfermidades raras’, achega agora á sociedade luguesa a posibilidade de colaborar neste ambicioso programa de I+D+i a través das huchas xa repartidas en farmacias e demais establecementos comerciais da cidade, así como coa súa presenza na ruta científica polo barrio do Carme programada con Guido Guía o vindeiro 18 de xuño.

As novas iniciativas promovidas por este equipo multidisciplinar, no que ademais do grupo ZebraBioRes de Sánchez Piñón, tamén participa de xeito activo o grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet), un equipo de anatomopatólogos veterinarios especialistas en enfermidades de peixes, dirixido por Maribel Quiroga e integrado, entre outros, por Ana Quenlle, Nerea Gandoy, Sandra Maceiras, Mónica Otero, Roberto Bermúdez, Ana Losada e Ana Manuela de Azevedo, pretenden reforzar a campaña de captación de fondos lanzada a mediados de abril a través da plataforma de crowdfunding Precipita.es, da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), e que xa suma máis de 18.600 euros.

A posibilidade de realizar doazóns para este proxecto a través da web Precipita.es continuará aberta ata mediados de xullo, segundo indica a profesora da Facultade de Veterinaria Maribel Quiroga Berdeal, que ve as novas actuacións emprendidas como unha forma de sensibilizar á sociedade luguesa sobre a importancia da ciencia, ademais de brindarlles a oportunidade de ser partícipes de proxectos de I+D+i desenvolvidos desde o propio Campus de Lugo da USC.

As enfermidades raras, patoloxías que presentan un escaso nivel de prevalencia como é o caso do CDG asociado a unha mutación no xene RFT1 detectada en Pelayo, son xeralmente moi graves e complexas, dado que involucran e afectan a multitude de órganos e tecidos dos sistemas nervioso central, musculoesquelético, inmunitario, dixestivo, endocrino e á coagulación, relata esta investigadora.

O equipo da USC responsable deste novo proxecto de I+D+i salientou a solidariedade coa que a cidadanía está a responder ao proxecto inspirado en Pelayo e que xa se atopa entre os programas de crowdfunding lanzados a través da plataforma da FECYT que acadou máis financiamento. Aínda así e dada a necesidade de sumar máis fondos para poder desenvolver a investigación, os investigadores convidan á cidadanía luguesa a  continuar coas doazóns nas huchas específicas que poden atopar en farmacias, establecementos hostaleiros, así como en comercios da cidade.

Alén desta campaña, as profesoras da USC na Facultade de Veterinaria Laura Sánchez Piñón e Maribel Quiroga Berdeal acompañarán o vindeiro 18 de xuño a todas as persoas que se inscriban para tomar roteiro científico que conducirá Guido Guía polo barrio lugués do Carme. Este roteiro permitirá aos participantes gozar da paisaxe desta área da capital luguesa, ademais de para coñecer algunhas das posibilidades que ofrece o emprego de modelos animais, tal e como é o caso do  peixe cebra, na investigación. As persoas interesadas en participar nesta ruta poden formalizar a súa inscrición de xeito gratuíto a través do enderezo de correo electrónico pezcebralugovet [at] gmail.com (pezcebralugovet[at]gmail[dot]com).

 

Cartaz do paseo científico programado polo barrio lugués de O Carme o 18 de xuño
Cartaz do paseo científico programado polo barrio lugués de O Carme o 18 de xuño
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2021.