Pasar al contenido principal

O XXIV Festival de Teatro Universitario presenta en Lugo do 14 ao 21 de marzo tres montaxes e varios micro proxectos artísticos

Actores da compañía USC-Lugo, na presentación do XXIV Festival de Teatro Universitario
Actores da compañía USC-Lugo, na presentación do XXIV Festival de Teatro Universitario
O auditorio ‘Gustavo Freire’ acubillará todas as representacións dun certame artístico, no marco do que a directora e actriz Carlota Ferrer impartirá un taller de creación

O XXIV Festival de Teatro Universitario presentará do 14 ao 21 de marzo no auditorio municipal Gustavo Freire da capital luguesa as creacións dramáticas de tres compañías teatrais, ademais doutros micro proxectos artísticos de formacións independentes xurdidas no eido universitario e de actores e actrices en formación, no marco dun certame de acceso gratuíto e xa consolidado na axenda cultural luguesa, que nesta edición mantén na súa oferta ensaios abertos e funcións específicas para estudantes, ao tempo que incorpora como actividade complementaria un taller de creación impartido pola directora, actriz e coreógrafa Carlota Ferrer, quen tamén participará nun encontro aberto con todo o público interesado.

A compañía de teatro USC-Lugo dirixida por Paloma Lugilde estrea o 14 de marzo no ‘Gustavo Freire’ a peza ‘WK, baseada en textos de Woyzech, obra inconclusa de Bchner, pero coa estética de Kantor. A formación teatral xurdida da Aula de Teatro da USC no campus lugués fará xa o día anterior un ensaio aberto desta montaxe no mesmo escenario, no que tamén ofrecerá dous pases de balde para o público estudantil. A primeira destas funcións específicas e para as que é preciso inscribirse será o 15 de marzo, a partir das 12.00 horas, mentres que a segunda será o día 19, pero xa en quenda de tarde, a partir das 16.30 horas.

O XXIV Festival de Teatro Universitario de Lugo dedicará a xornada do luns 19 de marzo á presentación de micro proxectos artísticos. A formación teatral independente Krilajo, nada no campus de Lugo, abrirá ás 19.30 horas, a quenda de representacións programadas no vestíbulo do ‘ Gustavo Freire’ coa posta en escena da peza ‘Club de Lectura’. Os actores lugueses en formación e alumnos da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia Raquel Velasco e Cristian Fernández pecharán as intervencións coa presentación, respectivamente, de ‘Búsqueda’ e ‘Introspectiva’. Ao seu remate, a compañía USC-Lugo volverá a poñer e escena a obra ‘WK’.

A compañía de teatro USC-Santiago de Compostela presentará o 20 de marzo no XXIV Festival de Treatro Universitario de Lugo a obra ‘Pasar por Nida’, con dirección e dramaturxia de Roberto Salgueiro. Ao día seguinte, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense Maricastaña representará, tamén a partir das 20.30 horas e no mesmo escenario, a obra ‘As ondas das pedras no río’, unha montaxe con dirixida por Fernando Acosta.

Formación complementaria

O programa do XXIV Festival de Teatro Universitario de Lugo, unha cita organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, así como do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, presta tamén atención á formación, como o proba a organización don curso de creación estruturado en 28 horas e impartido por Carlota Ferrer. As taxas de matrícula son de 120 euros para o público en xeral e 90 euros para membros da comunidade universitaria.

As persoas interesadas en participar neste taller de creación teatral, para o que se ofrecen un máximo de 15 prazas, poden formalizar a súa inscrición ata o 15 de marzo a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ou no número de teléfono 982 821 513. As sesións formativas comezarán ás 16.00 horas do xoves 15 de marzo e desenvolveranse ata o día 19, en quenda de mañá e tarde, nas instalacións da Aula de Teatro da Facultade de Veterinaria. Asemade, Carlota Ferrer participará o sábado 17 nun encontro aberto, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

A Vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, acompañada do deputado provincial Eduardo Vidal Baamonde, e de Daniel Piñeiro, concelleiro do Concello de Lugo, presentaron este mércores a programación do XXIV Festival de Teatro Universitario de Lugo na luguesa capela de Santa María, unha sesión na que se lamentou a recente desaparición da Aula de Teatro da Universidade da Coruña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.02.2018.