Pasar al contenido principal

A Rede Inmunogenom transforma o campus de Lugo nun laboratorio aberto de I+D no ámbito da acuicultura

Paul André Van Damme, na súa intervención no marco da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura
Paul André Van Damme, na súa intervención no marco da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura
O biólogo mariño Paul André Van Damme salienta o impacto transversal da acuicultura na apertura dun foro que cita en Veterinaria uns 60 investigadores de toda España

A rede de Inmunoxenómica de Enfermidades de Peixes e Moluscos (Inmunogenom), formada por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de Investigacións Mariñas (Cima), transformou por un día o campus de Lugo nun laboratorio aberto de I+D no ámbito da acuicultura coa celebración da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura, un evento científico organizado co gallo da celebración do Día da Acuicultura o 30 de novembro e que cita este xoves na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC arredor de 60 mozas e mozos investigadores que están a desenvolver pescudas e proxectos científicas en universidades e centros de investigación de Galicia, Cantabria, Cataluña e Madrid.

O biólogo mariño Paul André Van Damme, do Instituto de Investigación Aplicada de Recursos Acuáticos Faunagua, con sede en Conchabamba (Bolivia), que abriu a quenda de intervencións cunha lección inaugural desenvolvida baixo o título ‘Desenvolvemento sostible da pesca e da acuicultura na amazonia boliviana, retos e ameazas’, deu conta dos traballos no ámbito da acuicultura que está a realizar en Bolivia e fixo especial fincapé da especial transcendencia que teñen estas accións nos planos social, ambiental e económico.

Paul André Van Damme explicou no seu relatorio os diversos efectos colaterais que favorecen as prácticas acuícolas para mellorar a sustentabilidade ambiental, así como para fixar poboación nos territorios de litoral como menor densidade demográfica. Nunha orientación de maior calado social, Van Damme, ademais de insistir no cada vez maior impacto económico da acuicultura, incluso se referiu ás tarefas propias desta actividade como unha boa canle para a incorporación social e laboral da muller, dado que xa está contrastado a súa capacidade de liderado neste eido.

A intervención deste biólogo mariño belga deu dará paso á primeira quenda de presentacións programadas no marco dunha xornada orientada a favorecer a reunión de investigadores predoutorais que traballen en temas relacionados coa acuicultura e no marco da que se presentaron máis de vinte comunicacións orais.

Xa en quenda de tarde, o programa inclúe unha nova quenda de presentación de comunicacións, trala que as investigadoras da USC Yolanda Torres e Ana Manuela de Azevedo ofreceron o relatorio ‘A acuicultura en Galicia: financiamento e investigación’. Unha mesa redonda sobre esta temática moderada pola profesora da USC Maribel Quiroga Berdeal e na que tamén interviron como relatores Rosa Fernández, do Cetmar; Antonio Villalba, de Cima, e Javier Cremades, da UDC, serve de colofón desta xornada.

Taller de necropsia de peixes

A Rede Inmunogenom pechará este venres 30 de novembro os actos organizados co gallo do Día da Acuicultura coa celebración dun taller de necropsia e toma de mostras de peixes que se celebrará, a partir das 12.00 horas, na Facultade de Veterinaria de Lugo, e que estará impartido por profesores e investigadores do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias agromados no grupo de investigación de Anatomía Patolóxica Veterinaria (Gapavet).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2018.