Alumnado da Escola de Práctica Xurídica da USC realizará prácticas nos concellos da provincia co apoio da Deputación da Coruña
O reitor Antonio López e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este venres, na sede da institución provincial, un convenio de colaboración para o financiamento das prácticas do alumnado da Escola de Práctica Xurídica da USC nos departamentos de urbanismo dos concellos da provincia. O acto contou coa asistencia da vicedecana Carmen González Ferro e do director da Escola, Lotario Vilaboy.
O obxecto do protocolo é proporcionar as necesarias prácticas xurídicas aos licenciados e graduados en Dereito e alumnos da Escola, que serán encargados da realización de estudos, informes, escritos e xestión de expedientes, o que lles proporcionará un coñecemento directo, mediante supostos concretos e reais, do traballo diario que se realiza nos departamentos de urbanismo dos concellos.
Ao mesmo tempo, este acordo axudará a fortalecer os servizos urbanísticos dos concellos da provincia da Coruña, que precisan da colaboración de titulados en Dereito que realicen labores de asesoramento en diversas materias relativas ao desenvolvemento da súa actividade, procurando así unha mellor atención para os cidadáns.