Pasar al contenido principal

Fernando J. Devoto, “inspirador dos estudos migratorios desenvolvidos en Galicia”, novo doutor ‘honoris causa’ da USC

O historiador Fernando J. Devoto incorporouse este mércores ao claustro de doutores honoris causa da USC. FOTO: Santi Alvite
O historiador Fernando J. Devoto incorporouse este mércores ao claustro de doutores honoris causa da USC. FOTO: Santi Alvite
O catedrático Ramón Villares actuou como padriño nunha cerimonia que serviu para salientar a figura deste historiador “nómade” que desentrañou a construción do discurso histórico arxentino “sen caer nas trampas dunha historia militante”
Santiago de Compostela

O historiador Fernando J. Devoto incorporouse este mércores ao claustro de doutores honoris causa da USC nunha cerimonia celebrada no Paraninfo da Universidade, presidida polo reitor Antonio López e na que o catedrático Ramón Villares actuou como padriño. Na súa lección maxistral o profesor Devoto abordou a cuestión do lugar e da situación de enunciación do historiador, alén de realizar un percorrido polo seu vínculo con Galicia dende que en 1992 fora convidado a participar nun foro impulsado pola profesora Pilar Cagiao.

“A historia exércese e arguméntase de moitos modos”, explicou o profesor Devoto. “Estamos aquí non para prescribir senón para participar dun diálogo interminable”, engadiu. Devoto salientou que “cada un ten a súa perspectiva e, na miña, a historia debe atender primeiro á crítica da información que recibe, á produción daqueles coñecementos plausibles, verificados, validados nun océano de coñecementos incertos, e á promoción dunha reflexión sobre o devir, xa non entre pasados verdadeiros e futuros necesarios”. O novo doutor honoris causa quixo pechar a súa intervención cunhas verbas de agradecemento ao reitor e á comunidade universitaria no seu conxunto “por esta inmerecida honra que me confiren”. “Teñan a seguridade que o interpreto como o que é: un recoñecemento a unha vella amizade entre Galicia e Arxentina”, concluíu.

Pola súa parte o reitor Antonio López destacou que a pandemia impediu celebrar este acto solemne de investidura na primavera de 2020 e só agora “podemos facer realidade a entrada do novo doutor no noso claustro”. O reitor subliñou a vida “dedicada ao estudo e á docencia” do profesor Devoto así como seu compromiso con Galicia.

Laudatio

O profesor Villares Paz aproveitou tamén a súa intervención para poñer o foco na “traxectoria académica e investigadora extraordinaria” do profesor Devoto ao que cualificou como historiador “nómade” en referencia aos seus periplos dende a cidade de Bos Aires, pasando por moitos países americanos e europeos, ata aterrar en varias universidades españolas. “A súa periódica presenza na Universidade de Santiago de Compostela permitiu que orientase investigacións, impartise memorables seminarios e xulgase varias teses de doutoramento, podendo considerarse inspirador dos estudos migratorios desenvolvidos en Galicia”, afirmou o profesor Villares. O catedrático da USC profundou na obra de Fernando J. Devoto a cal “como os seus devanceiros e mestres, está dedicada a desentrañar a construción do discurso histórico no marco da cultura e da política arxentina”. “Como os grandes historiadores occidentais, o profesor Devoto nunca se sentiu alleo aos problemas do seu tempo, en primeiro lugar os atinxentes á construción dos estados nacionais”, continuou Villares.

Devoto apostou por estudar as “cadeas migratorias” no canto dos fluxos, analizar as “redes” trazadas polos inmigrantes no canto de contentarse con enfoques macro ou estruturais, sexan demográficos ou sociolóxicos: “sempre en primeiro termo, os problemas, as preguntas e as experiencias particulares,  que deben ser comprendidas nos marcos xerais”, explicou Villares. Logrou, en suma, facer unha historiografía de precisión para reformular os problemas das migracións nos contextos culturais e políticos de finais do século XX e refinar a imaxe pública dos inmigrantes, na Arxentina e no mundo occidental. Nos seus textos insiste decote en que procura “itinerarios”, “camiños”, ou “cadeas” que enlazan emocións individuais e grupais, pero raramente fala de “destinos” inexorables ou de certezas inapelables.

Villares quixo pronunciar tamén unhas palabras de agradecemento aos profesores Pilar Cagiao Vila, Lourenzo Fernández Prieto e Xosé Manoel Núñez Seixas por asinar xunto a el a proposta da investidura do profesor Devoto dende o antigo departamento de Historia Contemporánea e de América.

Currículo

Fernando J. Devoto naceu en Bos Aires en 1949. Estudou na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, realizou estudos de posgrao na Universidade de Roma La Sapienza e doutorouse en Historia na Universidade Nacional do Centro cun estudo sobre as raíces da dereita nacionalista arxentina. Comezou a súa carreira docente na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires en 1974 sendo aínda estudante, experiencia que chegou á súa fin coa brutal intervención da Universidade. Co retorno da democracia en decembro de 1983 foi designado profesor adxunto e logo, en 1996, titular (catedrático) de Teoría e Historia da Historiografía. Paralelamente dirixiría centros e programas de investigación na mesma Universidade de Bos Aires (Instituto Ravignani), na de Mar del Plata e na de San Martín, entre outras.

Así mesmo, dende 1987 comezou unha vasta carreira de máis de trinta anos como profesor e investigador invitado en numerosas universidades europeas como Ancona, Napolés, Milán, Roma, Sassari, Turín, Verona, Burdeos III, París VII, Barcelona, Valencia, Oviedo, no Instituto Universitario Ortega y Gasset de Madrid e na École des Hautes Études en Sciences Sociales de París e no Istituto Italiano per gli Studi Filosofici de Nápoles. Un lugar especial ocupa neste itinerario, dende comezos dos anos 90, Santiago de Compostela. Ademais das súas múltiples participacións nas iniciativas do Consello da Cultura Galega e dos seus escritos sobre emigración e o exilio galego, Fernando Devoto foi conferenciante e profesor en cursos de posgrao, sobre todo na Facultade de Xeografía e Historia, e tamén na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. No marco compostelán participou tamén como asesor de diferentes grupos de investigación e revistas académicas, como editor de libros e como integrante de tribunais de doutoramento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.06.2021.