Pasar al contenido principal

‘Higea’, da Cátedra de Cronicidade da USC, mellor proxecto español de “sensibilización da saúde”

Nestes sete meses de vida, ‘Higea’ puxo en contacto a familias e persoas enfermas ata en 900 ocasións. FOTO: Santi Alvite
Nestes sete meses de vida, ‘Higea’ puxo en contacto a familias e persoas enfermas ata en 900 ocasións. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa que acaba de ser premiada por Janssen Pharmaceutical Companies of Johnson & Johnson en colaboración con Cátedras en Rede, naceu a finais de 2020 para poñer en contacto a pacientes enfermos de COVID-19 coas súas familias
Santiago de Compostela

O proxecto ‘Higea’ de humanización para pacientes con COVID-19 e os seus familiares, posto en marcha en decembro de 2020 pola Cátedra de Cronicidade da USC, acaba de ser recoñecido co primeiro premio Afectivo-Efectivo outorgado por Janssen Pharmaceutical Companies of Johnson & Johnson en colaboración con Cátedras en Rede. ‘Higea’ foi galardoado no apartado de ‘Acción de formación, transformación, información ou sensibilización ao redor da saúde desenvolvida dende o ámbito universitario’. O proxecto conta coa axuda de 22 voluntarios rexistrados no Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) da USC, todos eles estudiantes de Medicina e Enfermaría.

O premio  contou no xurado con representantes de todos os ámbitos do sector da saúde que recoñeceron a relevancia de ‘Higea’ entre os 350 proxectos aceptados. Os premiados, segundo a propia organización, responden a iniciativas e/ou persoas “que mellor souberon transmitir os valores de afectividade, efectividade, innovación, compromiso e humanidade”. Desta forma, a iniciativa converteuse nun modelo de humanización hospitalaria no medio dunha pandemia que imposibilitaba a comunicación entre as familias e os/as pacientes.

Nestes sete meses de vida, ‘Higea’ puxo en contacto a familias e persoas enfermas ata en 900 ocasións. Os e as beneficiarias deste servizo foron persoas de idade avanzada ou con problemas para realizar este contacto (43’5% homes e 56,5% mulleres). O tipo de axuda prestada foi en forma de videochamada múltiple (31%), videochamada persoal (58,2%), chamada unipersoal (9,4%) e chamada telefónica múltiple (1,1%). Os voluntarios do programa da Cátedra de Cronicidade tamén enviaron mensaxes de texto, vídeos, mensaxes de voz e fotos aos familiares que o solicitaron.

Doutra banda, e segundo os formularios de satisfacción cubertos polas familias, o servizo foi cualificado de excelente, non considerando a necesidade de introducir ningunha mellora e cunha petición unánime de que as conexións se realizasen dúas veces ao día. En palabras de Montse Sánchez-Agustino, coordinadora do programa, “fomos ás plantas COVID a dar e eles déronnos moito máis a nós”.

Janssen Pharmaceutical Companies of Johnson & Johnson, en colaboración con Cátedras en Rede, celebrou de forma telemática a VII edición dos seus Premios Afectivo-Efectivo, creados para recoñecer aqueles proxectos e iniciativas centradas no paciente como eixo do sistema sanitario, nesta ocasión baixo o lema ‘Binomios esenciais de presente e futuro’. Nesta ocasión, do mesmo xeito que o pasado ano, a cerimonia foi retransmitido en streaming e foi conducida polo xornalista e presentador Roberto Arce. A mesa inaugural contou coa participación de Silvia Calzón, secretaria de Estado de Sanidade;  Gotzone  Sagardui, conselleira de Saúde do Goberno Vasco; Joaquín Carballido, director da Cátedra de Innovación (UAM) e representante de Cátedras en Rede; e Luís Díaz-Rubio, director xeral de  Janssen Iberia. A Cátedra de Cronicidade da USC está dirixida polo profesor Antonio Pose.  

O proxecto conta coa axuda de 22 voluntarios, todos eles estudiantes de Medicina e Enfermaría
O proxecto conta coa axuda de 22 voluntarios, todos eles estudiantes de Medicina e Enfermaría
Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2021.