Pasar al contenido principal

Cunha semana aínda por diante, a Olimpíada Solidaria de Estudo xa supera o recadado o ano anterior

Cunha semana aínda por diante, a Olimpíada Solidaria de Estudo xa supera o recadado o ano anterior
Cunha semana aínda por diante, a Olimpíada Solidaria de Estudo xa supera o recadado o ano anterior
Ata o 5 de decembro intercámbianse horas de estudo en bibliotecas da USC por euros

A falta de que o 5 de decembro se peche a décimo sexta edición da Olimpíada Solidaria de Estudo, as cifras non podían ser máis satisfactorias: se o pasado ano se computaban 23.442 horas de estudo ao finalizar a Olimpíada, este ano xa se contan 35.457.

“De seguir a este ritmo, o máis seguro é que superemos as 40.000 horas de estudo, o que supoñen outros tantos euros para un proxecto solidario en Senegal”, afirma o responsable da campaña na USC e técnico do Servizo de Participación e integración Universitaria, Ernesto Gómez, quen anima á participación no que resta da iniciativa.

A Olimpíada Solidaria de Estudo, creada pola ONGD Coopera, consiste en trocar horas de estudo en bibliotecas por euros, que se destinarán a diferentes proxectos solidarios. Nesta ocasión apóiase a implantación do Ciclo de Primaria na Escola Infantil Arco Iris de Senegal, onde se imparte educación de calidade, clases de inglés e castelán, se lles realizan controis sanitarios ás nenas e nenos e se complementa a súa nutrición. A ampliación a máis cursos no centro permitiralles continuar co novo ciclo oficial de ensino de 6 a 11 anos na que foi ata agora a súa escola, evitando así o risco que implicaría para os menores transitaren eles sos por traxectos perigosos.

Proceso sinxelo e necesario A mecánica da participación é moi sinxela: en cada sala de estudo hai un terminal informático no que o alumnado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída do local. Para que se poida realizar o cómputo débese acumular un mínimo dunha hora e un máximo de catro, período logo do que deberían volver introducir a tarxeta se queren seguir contabilizando tempo e, por extensión, cartos.

Este ano a USC conta para o proxecto coas zonas de estudo das bibliotecas de Formación do Profesorado e de Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, a Biblioteca Xeral e a Concepción Arenal, así como a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.11.2018.