Pasar al contenido principal

Nutrium, unha feramenta profesional nas aulas de Nutrición Humana e Dietética

Verduras e hortalizas propias dunha dieta saudable. Foto: Santi Alvite
Verduras e hortalizas propias dunha dieta saudable. Foto: Santi Alvite
O alumnado de grao que se está a formar como nutricionista-dietista na Facultade de Ciencias amplía a súa capacitación profesional con este software específico, que permite poñer en práctica coñecementos teóricos e simular casos reais, en virtude dun convenio asinado entre a USC e a compañía propietaria
Lugo

O software Nutrium, unha ferramenta informática intuitiva, práctica, dixital e flexible, tense convertido nun aliado profesionalizante para o alumnado que cursa o grao en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, futuros e futuras dietistas e nutricionistas que, xa desde as aulas, teñen a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos teóricos previamente recibidos coa simulación virtual de casos reais.

A dispoñibilidade do software Nutrium nas aulas de Nutrición Humana e Dietética na USC constitúe unha vantaxe competitiva para os futuros profesionais egresados do centro lugués, segundo indicou o decano Francisco Fraga, quen subliñou que o emprego desta ferramenta informática, cuxo uso tamén está xeneralizado no ámbito profesional, resulta gratuíto para o alumnado en virtude dun convenio asinado entre a USC e a compañía propietaria deste software de nutrición.

As prestacións que ofrece Nutrium no eido da nutrición e da elaboración de dietas son múltiples, segundo indica a profesora da USC Lourdes Vázquez Oderiz, xa que se trata dunha aplicación creada para simplificar as tarefas dos profesionais da nutrición, permite transformar de xeito automatizado e pouco menos que instantáneo os alimentos nun amplo abano de información respecto dos seus valores nutritivos.

Nutrium permite así coñecer as porcentaxes de vitaminas, hidratos, proteínas, minerais e demais valores nutritivos que reporta a inxestión dun ou doutro alimento, comenta Vázquez Oderiz, quen considera que este software resulta moi útil para avaliar e analizar a composición de dietas individuais e de colectivos de poboación, así como para definir pautas de alimentación saudables e incluso para o deseño de dietas acaídas para persoas con algún tipo de patoloxía ou enfermidade específica.

A profesora do grao en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias da USC salienta asemade que unha dos elementos diferenciais que presenta Nutrium respecto doutras aplicacións semellantes existentes no mercado é que permite aos usuarios incorporar novos alimentos aos xa incluídas no seu amplo catálogo.

Alén dos beneficios que reporta ao estudantado a posibilidade de manexar este software específico do ámbito da nutrición, tanto para a elaboración e validación dos datos de dietas saudables, como para a aplicación práctica da formación teórica recibida nas aulas, Vázquez Oderiz subliña que Nutrium constitúe unha ferramenta que permite ao alumnado achegarse á realidade profesional de calquera dietista nutricionista.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.06.2021.