Os artigos da USC na plataforma de divulgación científica ‘The Conversation’ superan a barreira das 200.000 lecturas
As publicacións realizadas por científicos da USC en The Conversation superaron xa a barreira das 200.000 lecturas dende que en decembro do ano pasado, a institución compostelá se unise a esta plataforma de divulgación científica. En total, unha vintena de autores fixeron uso desta fonte de noticias e análises escritos pola comunidade académica e investigadora e dirixida directamente á sociedade. Ademais, unha de cada tres lecturas procede dalgún país de América Latina. Os datos froito da colaboración entre USC e The Conversation foron presentados este xoves polo vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, nun encontro con medios de comunicación no que estivo acompañado por Rafael Sarralde, director xeral e cofundador de The Conversation España; e por Luis Felipe Torrente, cofundador e director de The Conversation España. Os responsables da plataforma mantiveron tamén unha reunión co reitor Antonio López.
Feijoo Costa explicou durante a presentación que a USC desenvolverá a partir do mes de outubro e no marco do seu Programa de Formación e Innovación Docente, un curso de divulgación científica dirixido a profesorado axudante doutor e contratado doutor malia que, nun futuro, abrirase a outros colectivos. “Queremos canteira” no eido da divulgación científica explicou Feijoo Costa.
Pola súa parte, os responsables de The Conversation España quixeron subliñar a natureza deste medio como “altofalante para comunicarse coa sociedade”. En total a plataforma, dende a súa creación en 2011, superou a barreira dos cento cincuenta millóns de lecturas e alberga preto de 5.000 autores. “O que pretendemos é axudar a que a linguaxe científica sexa accesible a todos os públicos, estreitando o espazo entre ciencia e sociedade”, sinalaron.
Proxección internacional
The Conversation naceu en Melbourne (Vitoria, Australia), e a súa innovadora plataforma tecnolóxica e o seu equipo de desenvolvemento están asentados no complexo universitario de Carlton. A redacción da edición española de The Conversation está radicada en Madrid. O equipo forma parte dunha rede internacional de editores que traballan nas edicións de Australia, Reino Unido, Estados Unidos, África, Francia, Canadá e Indonesia.