Pasar al contenido principal

Alba Roibás Rozas, recoñecida no V Concurso de Pitches do Grupo Compostela de Universidades

Alba Roibás (dereita), xunto a Olívia Pontes (centro) e Henna Kapoor (esquerda). MONTAXE: Santi Alvite
Alba Roibás (dereita), xunto a Olívia Pontes (centro) e Henna Kapoor (esquerda). MONTAXE: Santi Alvite
A investigadora da USC recibiu o terceiro premio por un vídeo fundamentado nunha tecnoloxía destinada á produción de bioplásticos
Santiago de Compostela

A investigadora da USC Alba Roibás Rozas acaba de ser recoñecida co terceiro premio no V Concurso de Pitches do Grupo Compostela de Universidades (GCU), grazas a un vídeo no que trata a liña de investigación do seu grupo fundamentada nunha tecnoloxía destinada á produción de bioplásticos e cuxo perfil medioambiental foi despois avaliado para validalo. Roibás Rozas pertence ao programa de doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental da USC.

Sobre o pitch ‘From wastes to biomaterials: towards circular economy’, os membros do xurado tomaron en consideración a “forma clara e coherente” do problema exposto no estudo, “así como os instrumentos e métodos para a súa solución”. Ademais, apreciaron que “aínda que é un tema moi técnico, é posible que o público en xeral entenda os beneficios deste proxecto”.

From wastes to biomaterials: towards circular economy - Alba Roibás Rozas

 

Olívia Pontes da Universidade do Minho recibiu o primeiro premio do certame; mentres que o segundo chanzo foi para Henna Kapoor da Universidade de Regensburg. O Grupo Compostela de Universidades recoñeceu a aqueles pitches que mellor adaptaron a súa mensaxe ao público en xeral, transmitindo a relevancia da súa investigación e a súa achega á sociedade. Os tres traballos gañadores recibirán premios dunha contía económica de 1.000 euros, 600 euros e 300 euros. Ademais, outorgaráselles un diploma de recoñecemento e darase difusión ás súas investigacións a través dos perfís do  GCU nas principais plataformas dixitais.

Synthesis and characterization of novel targeted inhibitors for cancer treatment - Olívia Pontes
The teamwork of various RNA polymerase transcription factors in Arabidopsis thaliana - Henna Kapoor
Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2021.