Pasar al contenido principal

Un vídeo divulgativo sobre “a primeira programadora” Ada Lovelace imponse no certame ‘Explícoche matemáticas 2.0’

Foto de familia da entrega de galardóns. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia da entrega de galardóns. FOTO: Santi Alvite
Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio son as autoras do traballo recoñecido no marco deste certame que promove a utilización do galego e estimula a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais
Santiago de Compostela

O vídeo titulado ‘A primeira programadora’, dedicado á figura da matemática Ada Lovelace, resultou vencedor no certame ‘Explícoche matemáticas 2.0’ impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e que chega xa á súa novena edición. Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio son as autoras deste traballo que se impuxo na categoría A do certame dirixida a 2º Ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional. O obxectivo de ‘Explícoche matemáticas 2.0’ é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais. No acto de entrega celebrado este mércores, tomaron parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; e a subdirectora de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Lourdes Batán Aira. As vencedoras recibiron un galardón dotado con 200 euros.   

 

A primeira programadora

 

Asemade, concedéronse dous accésits de 100 euros cada un aos vídeos ‘Explícoche matemáticas cociñando e xogando’ de Aroa Blanco Guerreiro (IES Castro da Uz) e ‘Pódese chegar á lúa dobrando un papel?’ de Alba Casás Fuentes (IES Manuel Murguía).  O xurado tamén outorgou mencións aos vídeos ‘As inecuacións’ de Andrea Freire Valiño (IES Pontepedriña) e ‘Miúdo traxecto as matemáticas orientais: Bashkara II’ de Alexandre Lago Pereira e Pablo Savino Real (IES Mendiño). Finalmente, concedeuse un cuarto premio ao vídeo mellor valorado polas/os internautas, segundo o número de “gústame” acumulados na canle de YouTube ‘Matemáticas USC’ e dotado con 100 euros. O traballo premiado foi ‘Coñeces a banda de Möbius?’ de  Hada Galán Lamas (Escola Waldorf Meniñeiros). A categoría B dedicada a alumnado universitario ficou deserta.

O número de vídeos presentados a esta edición do concurso foi de 56 na categoría A e de catro na categoría B. A avaliación organizouse en tres fases. Nun primeiro termo, membros da Comisión de Normalización Lingüística avaliaron o contido matemático dos vídeos. Aqueles que superaron uns mínimos de calidade foron remitidos ao representante do Servizo de Normalización Lingüística e ao experto en materiais audiovisuais para a súa valoración nunha segunda fase. Finalmente, a partir destas análises seleccionáronse 22 vídeos da categoría A e todos os da categoría B. O xurado procedeu á súa visualización e valoración, tanto de xeito individual como na sesión de deliberación no caso daqueles vídeos mellor valorados. Despois dun debate sobre a corrección dos contidos matemáticos, a calidade lingüística e de imaxe e son, o xurado acordou por unanimidade, conceder os galardóns.

Xurado

Presidido pola decana Elena Vázquez Cendón, o xurado estivo composto polos membros da Comisión de Normalización Lingüística Alberto Cabada Fernández, Rosa M. Crujeiras Casais (secretaria), Erika Diz Pita, Miguel Domínguez Vázquez, Antonio García Rodicio, Josefina Ling Ling, Francisco Morales Vidal, Tomás Otero Casal, Javier Polo Noche, Carmen Rodríguez Iglesias, Carmen Trillo Sendón, Manuel Bermúdez Blanco, como representante do Servizo de Normalización Lingüística (SNL); Laura Calaza Díaz, en calidade de representante de profesorado de ensino medio; e Brais Prieto Moure, con formación técnica en materiais audiovisuais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.06.2021.