Pasar al contenido principal

Pablo Taboada Antelo, reelixido como director da EDIUS

A EDIUS ten como obxecto a xestión e coordinación das ensinanzas de doutoramento da USC. FOTO: Santi Alvite
A EDIUS ten como obxecto a xestión e coordinación das ensinanzas de doutoramento da USC. FOTO: Santi Alvite
O profesor da USC obtivo 41 votos a favor e 1 en branco nas eleccións celebradas este mércores nos campus de Santiago e Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

O profesor da USC Pablo Taboada Antelo continuará á fronte da dirección da Escola de Doutoramento Internacional da USC logo de ser reelixido por 41 votos a favor e 1 voto en branco nas eleccións celebradas este mércores nos campus de Santiago e Lugo. As votacións desenvolvéronse de xeito presencial no Centro de Estudos Avanzados en Compostela, así como no edificio Cactus do campus lucense. O número total de electores posibles era de 92, dos cales votou o 45,65 %.

Pablo Taboada Antelo é profesor do Departamento de Física de Partículas da USC e pertence ao Grupo de Física de Coloides e Polímeros. A EDIUS ten como obxecto a xestión e coordinación das ensinanzas de doutoramento da USC, así como os procesos que conduzan á obtención do título de doutor. Asume así mesmo a coordinación dos estudos avanzados da Universidade. A súa finalidade é concibir un modelo de formación doutoral flexible, interdisciplinario e de calidade, orientado a potenciar as liñas de investigación de maior interese e proxección da Universidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2021.