Pasar al contenido principal

XuvenCiencia amosa os 'atractivos' das titulacións do Campus de Lugo nunha XuvenFeira

Participantes no Campus de Verán Xuvenciencia, na Facultade de ADE
Participantes no Campus de Verán Xuvenciencia, na Facultade de ADE
Unha escape room en ADE, un obradoiro de TikTok en Humanidades, a esferificación do leite en Ciencias, habilidades clínicas en Veterinaria ou a exhibición de coidadores robóticos na EPSE son algunhas das propostas que depara este venres a I Feira das Ciencias do Campus de Lugo
Lugo

Os 65 estudantes preuniversitarios que participan esta semana no Campus de Verán XuvenCiencia poderán gozar este venres, a partir das 9.30 horas, da XuvenFeira, tal e como se denomina á I Feira de Ciencias do Campus de Lugo, unha cita deseñada para difundir e presentar a vertente máis atractiva das titulacións da USC en Lugo, sobre todo daquelas de máis recente implantación.

Unha escape room –ou cuarto de fuga— na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, para dar a coñecer o grao en Empresa e Tecnoloxía, e un obradoiro para aprender as posibilidades divulgativas da rede social TiKTok –unha das máis populares entre adolescentes—, co obxecto de promocionar a titulación de Xestión Cultural que comezará a impartir a Facultade de Humanidades no curso 2021/2022, son algunhas das propostas da XuvenFeira. Asemade, a Facultade de Ciencias ten preparados obradoiros relacionados cos tres graos que acolle e mesmo os xuvencientíficos poderán experimentar coa esferificación do leite, como os cociñeiros máis prestixiosos, ou determinar o seu contido de proteína. A enerxía das ondas mariñas, a robótica aplicada aos coidados e a realidade aumentada son as iniciativas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría nesta XuvenFeira, que tamén terá paradas no hospital Rof Codina e no Laboratorio de Habilidades Clínicas da Facultade de Veterinaria.

A coordinadora de XuvenCiencia e profesora do departamento de Química Física da USC en Lugo, Mercedes Novo Rodríguez, sinalou que o dobre cometido desta XuvenFeira pasa por ofrecer ao alumnado do Campus de Verán unha alternativa de actividades ás visitas a empresas, ademais de converterse nunha plataforma para dar a coñecer a faciana atraínte das titulacións do Campus de Lugo da USC. Este labor de promoción é especialmente interesante para aqueles títulos que, como Xestión Cultural, comezan a súa andaina no curso 2021-22, así como para outras titulacións de nova implantación como Robótica, Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía ou o grao aberto 5USC Enxeñarías.

Estrutura da XuvenFeira

A XuvenFeira organizada polo grupo XuvenCiencia da USC no marco da novena edición do campus de verán que chega este venres ao seu remate, inclúe cinco actividades diferenciadas e ligadas a ámbitos científicos diferenciados nas que poderá tomar parte o alumnado en función das súas preferencias.

A Facultade de Veterinaria ofrecerá ao estudantado preuniversitario a oportunidade visitar o Hospital Veterinario Rof Codina, ademais de realizar prácticas de cirurxía, reprodución e obstetricia, diagnóstico por imaxe... no seu Laboratorio de Habilidades Clínicas. De xeito parello, o alumnado interesado poderá participar no obradorio ‘O poder proteico do leite’ que se desenvolverá na Facultade de Ciencias e a través do que se pretende familiarizar aos futuros universitarios con procesos prácticas de determinación do contido proteico do leite (Bioquímica), procesos de obtención de produtos derivados (Enxeñaría de Procesos Químicos Industrais) ou gastronomía molecular e  alimentación (Nutrición Humana e Dietética).

A Facultade de Ade acollerá un Escape room, a través do que se simulará que o centro foi vítima dun ataque informático que bloquea os seus sistemas e servizos. Os afeccionados ás redes sociais e ás novas formas de comunicación atoparán no  TikTok programado na Facultade de Humanidades un opción atractiva para achegarse ás novas estratexias e formatos de comunicación persoal e profesional. O obradoiro ‘Robótica para o futuro e realidade aumentada’ completa na EPS de Enxeñaría o abano de actividades desta I XuvenFeira cun programa no que as persoas participantes poderán achegarse á enerxía do futuro a través do simulador de conversión de enerxía de ondas mariñas, perderse nun areeiro de realidade aumentada con SARndbox ou establecer ligazóns cos futuros coidadores robóticos.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2021.