Pasar al contenido principal

O catedrático da USC Jorge Mira, premiado na XXII edición de Ciencia en Acción

Jorge Mira gañou con anterioridade este premio pola súa actividade televisiva. FOTO: Santi Alvite
Jorge Mira gañou con anterioridade este premio pola súa actividade televisiva. FOTO: Santi Alvite
O xurado recoñece o seu labor no concurso de TVG ‘Coma un allo’ que “une a divulgación co entretemento, facendo que sen darse conta o público adquira novos coñecementos”
Santiago de Compostela

Os galardóns ‘Ciencia en Acción’ que chegan xa á súa XXII edición acaban de recoñecer por cuarta vez o traballo desenvolvido polo catedrático da USC Jorge Mira na modalidade de divulgación científica (Premio Fundació Ciutat de Viladecans) grazas á súa actividade no programa de Televisión de Galicia ‘Coma un allo’. O xurado quixo salientar que este concurso “une a divulgación co entretemento, facendo que sen darse conta o público adquira novos coñecementos”. Jorge Mira recibe este galardón xunto ao director e produtor do espazo, Francisco Lodeiro; e os seus compañeiros na presentación, a escritora María Canosa e o xornalista Bernardo Montaña.

“Queriamos chegar á franxa de poboación máis ampla posible, intentar que a divulgación científica non se cinguise en exclusiva aos sectores altamente interesados na ciencia. O noso obxectivo é romper esa barreira”, explica o profesor da USC. O galardón recoñece a sección do programa titulada ‘Fun por ciencias’ xa que, tal e como establece a acta do xurado “ao dirixirse ao público en xeral, utiliza explicacións sinxelas e directas, cunha linguaxe sinxela”.

Jorge Mira gañou con anterioridade este premio pola súa actividade televisiva nos anos 2000 (polo programa ‘¡Que serán?’ de TVE) e 2005 (por ‘Arrampla con todo’ da TVG). Ademais, en 2017, concedéuselle ex aequo o primeiro premio na categoría de materiais didácticos de ciencias en soporte non interactivo polo seu libro A que altura está o ceo? (Alvarellos editora), que escribiu en colaboración con María Canosa e contou con ilustracións de Dani Padrón. En 2010,  Ciencia en Acción concedeulle a Medalla de Honra polo conxunto da súa traxectoria.

Aos premios ‘Ciencia en Acción’ que abranguen non só o eido español, senón tamén o iberoamericano, concorreron un total de 46 candidaturas nesta categoría. Este galardón é unha iniciativa do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Lilly, o Instituto de Ciencias Matemáticas, a Real Sociedade Española de Física, a Real Sociedade Española de Química, a Sociedade Española de Astronomía e a Sociedade Xeolóxica de España.

Jorge Mira recibe este galardón xunto ao director e produtor do espazo, Francisco Lodeiro; e os seus compañeiros na presentación, a escritora María Canosa e o xornalista Bernardo Montaña
Jorge Mira recibe este galardón xunto ao director e produtor do espazo, Francisco Lodeiro; e os seus compañeiros na presentación, a escritora María Canosa e o xornalista Bernardo Montaña
Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2021.