Pasar al contenido principal

Un novo material, baseado en clústeres de prata, mellora a capacidade da quimioterapia

Arriba Arturo López-Quintela e Fernando Domínguez (segundo pola dereita no grupo), xunto co resto de integrantes do equipo compostelán implicados no estudo
Arriba Arturo López-Quintela e Fernando Domínguez (segundo pola dereita no grupo), xunto co resto de integrantes do equipo compostelán implicados no estudo
Ensaios en ratos con cancro de pulmón, demostran unha mellora da acción terapéutica logo de diminuír o grao de compactación da cromatina, unha barreira de proteínas que rodea o ADN dun tumor

A acción dos fármacos utilizados en quimioterapia vese potenciada ao diminuír o grao de compactación da cromatina, unha barreira de proteínas que protexe o ADN fronte ataques de axentes externos. Así o acaban de demostrar nun artigo publicado na revista Advances Materials Fernando Domínguez, Arturo López-Quintela e un amplo grupo de investigación de centros españois e estranxeiros. Para lograr este novo avance, utilizaron un novo material, un clúster de tres átomos de prata, que axuda a descomprimir a cromatina.

Os clústeres son agrupacións moi pequenas, de natureza subnanométrica, que no caso do traballo agora presentado se intercalan no ADN. Como explican os investigadores, ao entrar no ADN retrásase a formación da cromatina e facilítase así a acción da drogas que actúan sobre o ácido nucleico. O equipo liderado polos docentes da USC comprobou que cando este material se administra xunto con cisplatino a ratos con tumores de pulmón, a cantidade de cisplatino unido ao ADN tumoral incrementouse cinco veces, dando lugar a unha maior eficacia na acción do fármaco.

Como sinala os coordinadores do equipo, a demostración de que se pode manipular terapeuticamente o grao de compactación da cromatina “abre un novo camiño para aumentar a eficacia da quimioterapia”. Fronte ao cancro a quimioterapia é un dos tratamentos máis efectivos. Non obstante, existen tumores que non responden ao tratamento aos que se denomina resistentes. Nestes casos, a identificación dos mecanismos de resistencia pode axudar a manipular os tumores terapeuticamente e incrementar a súa sensibilidade.

A importancia do novos traballo está asociado ao feito de que moitos dos fármacos usados en quimioterapia actúan sobre o ADN tumoral. Os investigadores lembran que “un factor importante na resistencia da quimioterapia é que unha cantidade insuficiente de medicamento pode alcanzar o ADN”, aspecto no que a cromatina xoga un papel importante por operar como “unha barreira que limita o acceso dos fármacos ao ADN”. Neste senso, o artigo sinala como “os nanomateriais con moi baixa atomicidade merecen consideración como axentes farmacolóxicos potenciais debido ao seu tamaño a ás súas propiedades que poden axustarse con precisión con modificacións menores no seu tamaño”.

Outro dato que pon de relevo o valor do traballo agora publicado é que “ata hai moi pouco, a síntese química de pequenos cúmulos nús – aqueles cun número baixo de átomos e menores de ≈1 nm) sen usar ligandos de unión forte, considerábase practicamente imposible porque supoñíase que estas especies moi pequenas eran altamente reactivas”. Os investigadores demostran que isto non é así e que estes novos materiais “son moito mais estables que o material masivo e as nanopartículas, polo que poden ser facilmente manipulados ofrecendo numerosas posibilidades debido a o seu pequeno tamaño”.

Ademais dos investigadores da USC, neste traballo colaboran investigadores do Instituto de Ciencia Tecnoloxía de Barclona, das universidades de Burgos, Pennsylvania e de Palermo, ademais do ICREA e do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.07.2018.