Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría da USC sobresae na última promoción de enxeñeiros técnicos de Obras Públicas do Estado

Felipe VI, coa nova xeración de enxeñeiros técnicos de Obras Públicas do Estado
Felipe VI, coa nova xeración de enxeñeiros técnicos de Obras Públicas do Estado
“Acadar o 10% dos prazas ofertadas é un éxito e proba o bo nivel de formación dos enxeñeiros formados no centro lugués”, di o coordinador o grao en Enxeñaría Civil

Catro titulados da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santaigo de Compostela, no Campus Terra de Lugo, obteñen praza na última convocatoria pública de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas do Estado, un concurso público no que se ofertaban 45 prazas e ao que concorreron un total de 869 aspirantes. Unha vez rematadas as fases de oposición e o posterior curso selectivo, o monarca Felipe VI recibiu no Palacio da Zarzuela aos enxeñeiros seleccionados para desenvolver o seu cometido profesional na Administración logo dun proceso que botou a andar en 2016 coa convocatoria e rematou ao ano seguinte.

Os catro enxeñeiros formados e titulados na EPS de Enxeñaría da USC que veñen de incorporarse ao corpo de funcionarios como integrantes da última promoción de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas do Estado son Miguel Rodil Rodríguez (Lugo, 1984), Marcos Sánchez Carricoba (Melide, 1989), Francisco Javier Bugallo Álvarez (Pontevedra, 1980) e Diego Vázquez Novo (Lugo, 1989).

O coordinador do grao en Enxeñaría Civil na EPS de Enxeñaría da USC, o profesor Carlos Núñez Temes, salientou o éxito colleitado por estes catro egresados do campus lugués. “Son enxeñeiros pertencentes a distintas promocións que pasaron pola EPS de Enxeñaría ao longo da última década, pero todos eles destacan por ser alumnos cun expediente académico brillante”, comentou.

Respecto da vinculación destes enxeñeiros co centro universitario no que comezaron a súa formación, Núñez Temes sinalou que a traxectoria profesional de cada un destes catro enxeñeiros é diferente. Miguel, logo de completar a enxeñaría técnica en Obras Públicas, realizou tamén o curso ponte de adaptación ao Grao en Enxeñaría Civil no curso 2012/13, e Marcos, que permaneceu vinculado ao Grupo de Investigación en Enxeñaría Civil e Enerxías Mariñas (GICEMA) da USC, son os dous ex alumnos do centro que manteñen máis vinculación coa EPS de Enxeñaría, sinalou.

O coordinador do título de grao de Enxeñaría Civil da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo, Carlos Núñez, recoñece publicamente o esforzo e valía dos seus egresados por ser quen de superar un procedemento tan selectivo, duro e competido. Daquela, “cómpre destacar o bo nivel de preparación co que os enxeñeiros formados no centro lucense saen o mercado”, salienta Núñez.

De feito, segundo os U-Ranking do ano 2017 e do 2018, a titulación de Enxeñaría Civil (denominación actual do título de grao que habilita para exercer a profesión de enxeñeiro técnico de Obras Públicas) atópase entre os títulos deste ámbito mellor valorados en España.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.07.2018.