Pasar al contenido principal

'Plantando cara ao Lume', agora máis que nunca

Solos restaurados no Xurés co proxecto 'Plantando cara ao Lume'
Solos restaurados no Xurés co proxecto 'Plantando cara ao Lume'
Estudantes e docentes da USC sensibilizan sobre a problemática dos lumes forestais a grupos de traballo nacionais e internacionais a través dunha nova acción incluída no proxecto coordinado polo catedrático da USC Agustín Merino
Lugo, Santiago de Compostela

Os incendios forestais son un problema complexo que afecta a numerosas zonas do planeta, impactando gravemente no medio ambiente, así como desenvolvemento rural e na súa economía. Aínda que se realizaron investigacións e avances técnicos substanciais nos últimos anos, a superficie que arde todos os anos é moi importante e en moitos casos non se adoptan prácticas de restauración nin de conservación de solos. A falta de formación de calidade e a baixa concienciación social antóllanse como posibles causas dunha contradición á que a USC pretende, agora máis que nunca, sumar a súa particular achega a través do proxecto Plantando cara ao Lume, unha iniciativa coordinada polo catedrático da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo Agustín Merino e que, a través dun enfoque e dunha metodoloxía Aprendizaxe-Servizo (ApS) ofrece ao estudantado a posibilidade de participar de xeito activo na loita contra os incendios forestais con proxectos de prevención, restauración e sensibilización en zonas afectadas por incendios.

O deseño e o proceso de implementación destas actuacións dan pé a múltiples interaccións entre educadores, investigadores, empresas forestais, ONGs e administracións, segundo sinala Merino. Este investigador da USC lembra asemade que se ben Plantado cara ao Lume xurdiu como proxecto en 2016 da man da USC nunha das rexións europeas máis castigada polas lapas, un lustro despois, logo da implicación do Ministerio de Ciencia e Innovación e ao abeiro do programa Erasmus, esta iniciativa conseguiu espallar a súa metodoloxía no plano internacional implicando a diferentes grupos de traballo de España, Portugal, Italia e Grecia.

Fases do proxecto

O proxecto está estruturado en tres fases: Formación de persoal e produción de materiais para actividades interactivas con estudantes a través de ferramentas virtuais innovadoras, desenvolvemento de proxectos ApS útiles para a sociedade e co alumnado como protagonista, e avaliación dos impactos sobre a formación de estudantes e sobre a percepción dos diferentes actores, a través de enquisas e entrevistas específicas.

Alén destas actuacións, Plantando cara ao Lume contempla asemade diferentes eventos de difusión para sensibilizar e intercambiar boas prácticas na xestión de procesos educativos. Este traballo favoreceu o deseño da aínda incipiente Rede de Formación en Incendios Forestais, accesible en Fuegored.

Outra das iniciativas que avanza na mesma liña é que a está a protagonizar desde o mes de xuño a estudante de Comunicación Audiovisual na USC Carmen Grandío, responsable da acción ‘Agora máis que nunca, Plantando cara ao Lume’, a través da que esta alumna informa e sensibiliza sobre a problemática dos lumes forestais cunha newsletter quincenal, así como con actividade a través das redes sociais.

Esta estudante coruñesa é unha dos máis de 100 universitarios ligados a ámbitos tan dispares como as ciencias forestais educación, bioloxía, xornalismo… ademais doutros moitos estudantes e docentes de ensino non universitario que xa deixaron a súa pegada no proxecto Plantando cara ao Lume.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2021.