Unha viaxe a Pistoia sen saír da Igrexa da Universidade

A cidade italiana de Pistoia desenvolve o culto a Santiago o Maior dende a Idade Media. Era tal a devoción que o bispo Atón solicitoulle a Diego Xelmírez unha reliquia do apóstolo no século XII. Esta reliquia enviada polo arcebispo de Santiago á cidade italiana é venerada nun relicario suntuoso, no marco dun altar de prata que, co tempo e despois de case douscentos anos de traballos dos mellores ourives e escultores toscanos, é considerada a maior obra de ourivería sacra da Idade Media europea. A mostra Pistoia inaugurada na Igrexa da Universidade nútrese de fotografías artísticas de gran formato e unha réplica a escala real desta monumental peza de ourivería medieval e renacentista. No acto inaugural tomaron parte o reitor Antonio López; Nava Castro Domínguez, directora da Axencia de Turismo de Galicia; Gumersindo Guinarte, tenente de alcalde do Concello de Santiago; e Alessandro Sabella, concelleiro de Turismo, Xuventude e Cultura Xacobea de Pistoia.
Historia dun vínculo
O vínculo indisoluble que une Pistoia e Santiago de Compostela nun só camiño en nome do apóstolo Santiago o Maior, ou San Xacobe, remóntase a 1145, cando o bispo de Vallombrosa, Atón, fixo traer a Pistoia unha reliquia do corpo do santo, precisamente unha partícula do óso do cranio, doada a Pistoia polo arcebispo de Compostela. Para protexer a reliquia da cabeza do santo, construíuse o Altar de Prata, o monumental mobiliario litúrxico situado no interior da Catedral de San Zeno en Pistoia no que traballaron cinco xeracións de ourives ata o século XV.
A exposición que agora ve a luz “é unha emocionante experiencia artístico-relixiosa fronte a esta obra, unha iniciativa que achegará o descubrimento de Pistoia, unha marabillosa cidade toscana, que convida a todo o mundo a descubrir as súas innumerables belezas e tesouros escondidos”, explican dende a organización da mostra. O horario de visita a partir do día da inauguración será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, de luns a sábado, entre o 10 de xullo e o 28 de agosto.
