Pasar al contenido principal

O III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola aborda o uso de drons e satélites en agricultura no Campus Terra da USC

O III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola aborda o uso de drons e satélites en agricultura no Campus Terra da USC
O III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola aborda o uso de drons e satélites en agricultura no Campus Terra da USC
O vicerreitor Javier Bueno abre este mércores, ás 19.00 horas, un foro monográfico que cita ata o venres uns 100 participantes na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

O III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola abordará esta esta semana na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC o uso dos drons e satélites en agricultura no marco dun foro monográfico estruturado en diversos relatorios e sesións prácticas nas que participarán ata o venres 23 de febreiro uns 100 investigadores de España e Portugal.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidirá este mércores, ás 19.00 horas, a sesión inaugural deste congreso, organizado polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Javier José Cancela Barrio e Xesús Pablo González, en colaboración coa Sociedade Española de Ciencias Hortícolas (SECH). A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o deputado provincial Álvaro Santos, a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural, Belén Do Campo Piñeiro; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o subdirector de Sistemas Aeronáuticos do INTA, Bartolomé Marqués, e o secretario da Sociedade Española de Ciencias Hortícolas, Javier Jesús Hidalgo, tamén participarán na apertura oficial do simposio.

O evento acubillará na EPSE, ao longo de tres xornadas, distintos relatorios nos que especialistas na materia, abordarán os aspectos innovadores do uso de drons e satélites, tanto na agricultura, como na gandaría. Na primeira das xornadas, realizarase unha presentación dos avances impulsados ao abeiro do ‘Polo de Innovación Dixital no Sector Agroalimentario’, por parte do xestor de Innovación e Transferencia do Campus Terra, José Roberto Lamas Pérez, e Marcos Pérez, en representación do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).

Os relatorios ‘Futuro da agricultura de precisión’, a cargo de Ricardo Braga, do ISA-Lisboa; ‘O Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) como Organismo Público de Investigación’, por parte de Bartolomé Marqués Balaguer, subdirector de Sistemas Aeronaúticos do INTA; e ‘As ICTS e o CIAR’, a cargo das técnicas do proxecto Ciar, Ana Corrales e Neves Seoane, completarán as intervencións programadas para a primeira xornada, que se pechará cunha recepción aos congresistas ofrecida polo Concello de Lugo no Vello Cárcere.

Na segunda xornada, ademais de novos relatorios, celebraranse obradoiros técnicos, impartidos por persoal especializado de empresas privadas e investigadores que facilitarán o achegamento dos asistentes aos produtos que actualmente se atopan no mercado noutras zonas fóra de Galicia.

Presentación do Programa PRIMA

O III Simposio Nacional e I Ibérico de Enxeñaría Hortícola servirá asemade de marco para a presentación do programa PRIMA, un consorcio para a investigación e a innovación na zona mediterránea, cuxas liñas mestras serán expostas este mércores 21 de febreiro, a partir das 12.00 horas, por Diego Intrigliolo, investigador do CEBAS-CSIC e punto de contacto deste programa en España.

Alxeria, Croacia, Chipre, Francia, Alemaña, Grecia, Israel, Italia, Luxemburgo, Malta, Portugal, Eslovenia, Turquía, Tunisia e España conforman este conglomerado de países cuxa principal meta consiste na construción de capacidades de investigación e innovación para desenvolver coñecemento e iniciativas comúns e sustentables no eido agroalimentario. Ademais, a esta listaxe de países está previsto que se lles sume outros como Exipto, Líbano, Xordania e Marrocos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2018.