Comeza na USC un proxecto europeo para o desenvolvemento de fármacos capaces de inhibir as plaquetas sanguíneas

Un proxecto europeo para o desenvolvemento de novos fármacos antitrombóticos capaces de inhibir as plaquetas sanguíneas acaba de abrir o proceso de contratación de quince estudantes de doutoramento para un período de tres anos. O proxecto aglutina ao persoal investigador europeo mais relevante no campo da investigación plaquetaria. O investigador principal por parte da USC é o profesor Ángel García Alonso, quen lidera o grupo de Proteómica de Plaquetas no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS).
A peculiaridade deste proxecto é que entorno á liña de investigación proposta crearase un programa de doutoramento europeo que implicará o outorgamento de títulos dobres entre as universidades participantes. Así, a USC estará implicada na supervisión de cinco doutorandos/as, unha persoa contratada en Santiago, dúas en Reino Unido, outra en Holanda e outra en Alemaña.
As persoas seleccionadas repartirán o seu tempo entre os laboratorios dos/as respectivos/as supervisores/as, o que garante unha mobilidade entre os centros de investigación implicados no doutoramento. Desta maneira os/as doutorandos/as recibirán formación punteira nun campo interdisciplinar que lles permitirá adquirir coñecementos e habilidades que os situarán nunha posición inmellorable para incorporarse profesionalmente ao mundo da investigación biomédica, tanto no sector académico como en empresas.
Para unha información detallada sobre o proxecto e o proceso de selección, as persoas interesadas poden consultar a web do grupo da USC implicado http://www.usc.es/biofarma/WebAngel/contratos.htm.
A importancia das plaquetas
As plaquetas son células sanguíneas sen núcleo que se activan no momento en que se produce unha ferida, contribuíndo á formación do coágulo que evite a perda de sangue. Non obstante, en circunstancias patolóxicas, as plaquetas pódense activar de xeito indesexable dando lugar á trombose, que no caso das arterias coronarias conduce a un infarto agudo de miocardio. Os pacientes en risco de trombose son tratados con fármacos que inhiben as plaquetas, pero moitos seguen a sufrir episodios de trombose ou hemorraxias, polo que existe unha necesidade de descubrir novos fármacos mais eficaces e seguros. É precisamente esa necesidade a que intenta abordar este proxecto.